A Fusquenlla ofrece unha xornada de portas abertas dentro do Rede Coworking Fest

Os 11 espazos que integran a Rede Provincial de traballo compartido da Deputación da Coruña acollen até o domingo o denominado Rede Coworking Fest, dentro do que se programaron varios eventos e actividades para dar a coñecer as instalacións e servizos de cada un dos centros, pero tamén para continuar promovendo o emprendemento como opción laboral.

No caso da Fusquenlla, que tamén forma parte da rede, haberá unha xornada de portas abertas durante este venres 20 de setembro en horario de 10:00h a 14:00h. Durante a apertura poderán percorrerse as distintas dependencias, ver o equipamento dispoñible e coñecer todos os pormenores dun proxecto aberto a profesionais e particulares.

O Rede Coworking Fest son un total de 28 eventos e máis de 100 horas de actividades para dar a coñecer a todas as persoas interesadas os servizos  que se ofrecen nos espazos de traballo colaborativo que conforman a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña: o coworking do Pazo de Arenaza (Oleiros), o LAB-Barbanza (Boiro), Transformando en Brión, o Espazo A Proa (Ames), o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla (Moeche), o coworking A Capela, o centro de emprendemento A Estación (Vedra), o Green Coworking (As Pontes), o Coworking A Pobra, o coworking Dixital CCompostela (Santiago) e a Casa do Pescador (Miño).

Desde o luns e até o domingo estes espazos acollen formacións especializadas, xornadas de portas abertas, visitas, obradoiros e charlas de especialistas, asesoramento especializado a persoas emprendedoras, encontros empresariais sectoriais e ata unha feira labrega, co obxectivo de achegar o funcionamento da Rede de Coworking á sociedade e, en concreto, ás persoas interesadas en emprender un negocio.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar o emprendemento local, dar a coñecer os servizos que a Rede de Coworking da Deputación ofrece aos emprendendores e emprendedoras da provincia en cada un dos seus 11 centros, fomentar as sinerxias e redes de contacto que permitan crecer ás empresas e apoiar aos sectores clave na provincia, xa que cos coworkings son especializados por áreas.

Todos os eventos son gratuítos e abertos ao público en xeral. Tanto a consulta da programación, como a inscrición nos eventos do Rede Coworking Fest pode realizarse desde a súa páxina web. A inscrición tamén é necesaria para a visita á Fusquenlla durante a xornada de portas abertas deste venres -de 9:00h a 14:00h-, aínda que calquera persoa que se achegue polo centro sen inscrición previa será igualmente ben recibida e poderá cubrir o formulario no momento.

A Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña

A Rede Provincial de Coworking, creada no marco do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, comezou o seu funcionamento en 2019 coa posta en marcha en Oleiros do primeiro coworking no Pazo de Arenaza.

Dende entón, a Rede non parou de medrar e a día de hoxe son 11 os espazos que a conforman, entre coworkings, viveiros de empresa e os dous espazos colaborativos especializados na transformación agroalimentaria, A Fusquenlla e Daquidarredor (Brión).

Esta Rede é única en Galicia, xa que cada un dos centros que a conforman está especializado no sector ou sectores estratéxicos da zona onde se localizan. Ademais, a meirande parte destes centros atópanse no rural coruñés e todos eles prestan servizos de apoio e fomento ao emprendemento a nivel supramunicipal.

Lea también

La borrasca Caetano obliga a activar alertas nivel naranja y amarillo por vientos y lluvias en Galicia este jueves

Además, MeteoGalicia informa de varios avisos nivel amarillo por lluvias acumuladas puntualmente superiores a los …