San Sadurdiño acolle a Ruta BTT nocturna e unha exhibición de rugby

O Concello de San Sadurniño pechará esta fin de semana o calendario de actividades deportivas do verán. E farao coa Ruta BTT nocturna organizada para este venres a partir das 21:00 horas en colaboración con Biela e Chaveta,e cunha exhibición de rugby que se desenvolverá o sábado pola tarde -17:00 horas- no campo de fútbol de Santa Mariña do Monte, neste caso coorganizada polo Club de Rugby Ferrol e a ACDR Santa Mariña do Monte.

Na proba ciclista, con saída e chegada na capital municipal e un trazado total de 15 quilómetros, participarán 42 deportistas, mentres que a demostración de rugby do día seguinte contará co CR Ferrol, o CR Fendetestas e a Asociación Llanerense de Rugby, procedente de Asturias. 

O departamento municipal de Deportes pechou o prazo de inscrición para a BTT nocturna, para a que se recolleron un total de 42 solicitudes, todas elas admitidas. Na súa maioría son ciclistas con idades comprendidas entre os 18 e os 50 anos aos que se lles dará a saída este venres sobre as nove da noite diante do colexio público.

Trala saída e o paseo de quecemento polo centro urbano, o grupo tirará cara a Cornide e empezará a estirarse a medida que se vai escalando á Penamoura, onde o trazado se dividirá en dous camiños: un de 13 quilómetros relativamente doado e outro de 15,5 algo máis duro.

Este último ten unha subida de aproximadamente 1 km até o Chao e a Penavidreira, punto máis elevado da ruta onde se iniciará a baixada seguindo os montes de Piñeiros e a Bidueda até rematar de novo diante do CPI de San Sadurniño.

A BTT nocturna, cuxo trazado pode verse nesta ligazón, é unha proba cun perfil e un percorrido de dificultade media no que é obrigatorio o uso de casco e luz frontal e traseira. Ademais, todos os ciclistas menores deberán estar acompañados por outro adulto. Todas as persoas apuntadas terán a cobertura dun seguro e coa inscrición van incluídos os avituallamentos da metade e do final da proba.

Rugby o sábado en Santa Mariña

A outra cita deportiva desta fin de semana en que se despide o verán será a exhibición de pretemporada que ofrecerán o Club de Rugby Ferrol, o Fendetestas das Pontes e a Asociación Llanerense de Rugby, chegada de Asturias.

Os tres equipos encontraranse no campo de fútbol de Santa Mariña do Monte nun evento organizado polo club ferrolán e a ACDR Santa Mariña do Monte coa colaboración do Concello. Desde as 17:00 até as 21:00 horas, aproximadamente, todas as persoas que se acheguen polo recinto poderán ver como se xoga e aprender as regras dun deporte apaixoante que, malia a dureza dalgúns lances, se caracteriza polo xogo limpo e a cortesía entre contrincantes.

Lista de inscricións na BTT nocturna

Lea también

Unos 200 estudiantes de secundaria participan este viernes en la IV Olimpíada Robótica en Ferrol

 Cerca de 200 estudiantes de ESO de distintos puntos de las provincias de A Coruña …