A sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña acolleu a presentación do 8º Eco Rallye A Coruña, que se celebrará desde o xoves 19 ao domingo 22 de setembro e que pasará por 31 municipios, practicamente o dobre que na anterior edición.
No acto participaron o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; o concelleiro de Deportes do Concello de A Coruña, Manuel Vázquez; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte, Roberto García Fernández; e o director de Carreira Francisco Fernández.
Tamén estiveron presentes o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño; os pilotos Fran Gómez Pallas, Ángel Santos, Shirley Fernández e Luís Penido: e representantes dos municipios polos que transcorre a proba, ademais dos patrocinadores e colaboradores.
Antonio Leira destacou que “esta é unha proba sostible que, ademais, vainos ensinar o patrimonio dos 31 municipios polos que pasa, e iso significa economía e turismo”. “Estamos poñendo a Galicia e á provincia de A Coruña no mapa mundial, é un auténtico luxo para a Deputación poder participar como patrocinadores, levámolo no ADN”, afirmou.
Pola súa parte, Roberto García quixo sinalar que “estes eventos contribúen a aumentar a afección polo mundo do motor que xa existe en Galicia” e comentou “a capacidade desta proba para transmitir valores do que é o deporte, situando, ademais, a A Coruña como cidade para acoller eventos deportivos de primeiro nivel”.
Manuel Vázquez quixo dar os “parabéns á escudaría e a todo o equipo organizador polo traballo realizado para conseguir chegar ata o punto no que está a proba a día de hoxe” e asegurou o apoio do Concello porque “o deporte forma parte de A Coruña, da nosa maneira de vivir”.
Por último, Francisco Fernández agradeceu “o apoia e a presencia neste acto ás institucións, participantes, patrocinadores e colaboradores” e incidiu en que estamos “ante un evento histórico para o automobilismo coruñés, esperamos gozar todos dun fin de semana moi bo”.
Proba puntuable para o Campionato Bridgestone FIA Eco Rally Cup e para o Campionato de España
Por primeira vez, o Eco Rallye A Coruña será proba puntuable para o Campionato Bridgestone FIA Eco Rally Cup e, doutra banda, para o Campionato de España. A competición, que contará coa participación de máis de 50 pilotos, está organizada por Escuadra A Coruña, sendo o único evento destas características que se celebra en Galicia e todo un referente na zona noroeste de España.
Comezará o vindeiro xoves, 19 de setembro, coas verificacións. A proba, que se celebra entre o venres e o domingo, percorrerá 31 municipios e terá a súa base na praza de María Pita.
A praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, será un dos puntos de reagrupamento da oitava edición do Eco Rallye A Coruña. Será o venres, 20 de setembro, cando a proba chegue á capital galega.
Doutra banda, o sábado 21 de setembro haberá dous novos reagrupamentos. Pola mañá os automóbiles participantes reagruparanse na cidade de Betanzos, mentres que pola tarde farano no municipio de Carballo.
Os 31 concellos polos que transcorre o percorrido son: A Coruña, Abegondo, Bergondo, Oleiros, Betanzos, Oza-Cesuras, Cambre, Mesía, Frades, Oroso, O Pino, Santiago de Compostela, Ames, Val do Dubra, Trazo, Tordoia, Cerceda, Laracha, Arteixo, Sada, Miño, Pontedeume, Paderne, Vilarmaior, Irixoa, Aranga, Coirós, Carral, Culleredo, Carballo y Coristanco.
Aposta pola eficiencia e a regularidade
Durante os tres días que dura a competición valorarase a regularidade e a eficiencia dos pilotos, tendo como obxectivo promover o uso de vehículos deseñados para aforrar enerxía e diminuír a contaminación. A empresa de sistemas de carga intelixente Circutor, ofrecerá 50 cargadores para os vehículos eléctricos e híbridos enchufables que tomen parte na edición máis extensa ata a data desta proba.
Este ano a proba contará coa participación de caras recoñecidas, como a do actual campión de mundo, Michal Žďárský, a do piloto do Rally Dakar Fran Gómez Pallas e a do actor Juan Echanove, gañador de dous premios Goya.