O programa de “Inclusión social das mulleres” inclúe tres propostas para as que se abriu o prazo de inscrición, tal e como indicou a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo.
Volve a clase, Apodérate e Habilidades profesionais e introducción ás novas tecnoloxías son as modalidades ofrecidas, todas elas de balde e dirixidas a mulleres empadroadas en Narón que se atopen en situación de vulnerabilidade. Todas estas accións de inclusión social impartiranse dende outubro deste ano a xuño de 2025 e son de balde.
A actividade “Volve a clase” ofrece un total de 36 prazas -12 por grupo- e diríxese a mulleres de entre 18 e 65 anos. Alfabetización, ensinanza en español e galego para inmigrantes, preparación das probas para obter a nacionalidade española, as de competencias clave niveis 2 e 3 e as de acceso a ciclos/ESO forman parte dos contidos desta acción, que se desenvolverá na Casa da Mocidade, na Gándara.
No que respecta ao curso “Habilidades profesionais e introdución ás novas tecnoloxías” a edil recordou que se dirixe a 24 mulleres –dous grupos- que abordarán contidos como autocoñecemento, motivación e empoderamento, técnicas e ferramentas de procura de emprego, introdución ás novas tecnoloxías, coñecemento e uso de redes sociais profesionais, contacto co mundo empresarial a través das plataformas dixitais…
Neste caso, as clases -para mulleres desempregadas de Narón de 18 a 65 anos-, impartiranse nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.
Outro dos obradoiros é o de “Apodérate”, con doce prazas e dirixido a mulleres mulleres que se atopan en situacións de especial vulnerabilidade persoal, social e laboral. As alumnas adquirirán destrezas nos eidos persoal, sanitario, educativo, sociocomunitario e do tempo libre, co fin de promover a súa inclusión social e apoderamento, mellorando as súas competencias persoais e sociais.
As clases impartiranse na Casa da Mocidade, na Gándara. As inscricións para estas actividades deben realizarse ata esgotar prazas a través da Sede Electrónica de Narón, do Rexistro municipal ou de calquera dos rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas.
Para máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1115). Haberá un servizo de asesoramento á inscrición na Casa da Mocidade para estas actividades, de luns a venres en horario de 10:00 a 13:00 horas, dende hoxe ata o 30 deste mes.
María Lorenzo destacou que estes obradoiros se convocan, “para diminuír factores de risco social e ofrecer unha serie de proxectos formativos co fin de mellorar as opcións de empregabilidade do colectivo ao que se dirixen e tamén a súa inclusión social, ofrecéndolles unha atención grupal ás súas necesidades”.
A edil naronesa animou ás mulleres ás que se dirixen a informarse sobre estas actividades e inscribirse nas mesmas.