A concelleira de Formación de Narón, Natalia Hermida, anunciou a apertura do prazo este martes 17 ás 08:30 horas, para inscribirse nun curso sobre Limpeza hoteleira e residencial.
O prazo de inscrición rematará o día 23 deste mes ás 13:00 horas. As solicitudes poden presentarse a través do Rexistro Municipal –de luns a venres entre as 8.30 e as 13.00 horas- ou da Sede Electrónica do Concello de Narón, donde se pode consultar toda a información.
Hermida recordou que a convocatoria, de 265 horas de duración se dirixe a un total de quince persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, se ben poderán acceder á mesma persoas doutros concellos no caso de que queden vacantes.
Seguridade, hixiene e saúde nos procesos de limpeza, uso de produtos e lavado de roupa; limpeza e arranxo de habitacións, aseos e zonas comúns; organización dos procesos de limpeza; atención ao cliente na limpeza hoteleira; lavado, pasado o ferro e arranxo de roupa, operación de aprovisionamento, control e inventario de existencias… forman parte dos contidos do curso, que inclúe ademais módulos transversais de sensibilización cara á igualdade de xénero, medio ambiente e técnicas de búsqueda de emprego/autoemprego.
Así mesmo, o alumnado realizará 100 horas de prácticas profesionais non laborais en empresas do sector. As sesións teóricas impartiranse nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, do 30 de setembro ao 14 de novembro e as prácticas serán do 15 de novembro ao 13 de decembro deste ano, día no que rematará o curso.
As clases serán de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas e as prácticas nas instalacións das empresas colaboradoras, cinco horas ao día no horario que se determine. Hermida agradeceu un ano máis a implicación desas empresas que acollerán a parte práctica desta acción formativa.
Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).