O grupo Encrucillada dará un concerto o sábado 21 de setembro na Área Recreativa O Castro de Cerdido

A actuación forma parte das actividades culturais do programa Dinamiz-ARTj e terá entrada de balde.

O grupo Encrucillada actuará o sábado 21 de setembro na Área Recreativa O Castro de Cerdido. A actuación será para todos os públicos e empezará a partir das 23:00 horas. As entradas para o evento son de balde e non é preciso realizar unha inscrición previa.

A actuación forma parte das actividades culturais concedidas ao Concello dentro do programa Dinamiz-ARTj, iniciativa que busca promover a cultura e o talento local en municipios de transición xusta. Este concerto é a primeira das actuacións que o programa achegará ao Concello nos próximos meses. Encrucillada formará parte do elenco de artistas que amenizarán o festival que organiza a Asociación Airiños dos Carrís o sábado 21 de setembro na Área Recreativa O Castro.

Trátase dun grupo de música folk galega que interpreta temas tradicionais e tamén de traballos propios, como do seu último disco, ‘De volta!’, que será protagonista na actuación en Cerdido. Empregan instrumentos como a gaita, o saxo, a ocarina, o acordeón e percusións tradicionais, nunha mestura única na que tamén utilizan as voces. Os seus concertos caracterízanse polo bo ambiente e a música agradable, montando unha foliada na que a xente adoita acompañar bailando.

A concelleira de Cultura, Amalia Díaz Rodríguez, afirmou que “será unha xornada festiva na que os veciños e veciñas de Cerdido poderán desfrutar do mellor da música tradicional galega”. Na mesma liña, a concelleira quixo recordar que “esta é a primeira das actuacións do programa Dinamiz-ARTj no Concello, un programa de moito impacto que achegará a diversos artistas ata Cerdido nos próximos meses”.

Lea también

Las obras de rehabilitación del castillo de San Felipe empezarán este verano

El castillo de San Felipe entrará seguramente en obras el presente verano, tras adjudicar la …