A Festa Infantil Cidade de Narón celébrarse no parque de Freixeiro

Na xornada deste sábado o parque de Freixeiro acolle unha nova edición da Festa Infantil Cidade de Narón, que este ano terá un marcado carácter solidario.

A concelleira de Festas, Mar Gómez, e a presidenta da Asociación Sociocultural ASCM, Paula Gárate, presentaron o evento, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde e ofrecerá varias propostas aos asistentes.

Os nenos que se acheguen ao parque de Freixeiro poderán desfrutar, dende as 12:00 ata as 14:00 e tamén pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas, dunha gran variedade de posibilidades.

Un deslizador acuático xigante, o Río Bravo, dun tobogán de 50 metros de longo; tres inchables secos de diferentes dimensións; un inchable xigante acuático de 40 metros de longo, unha tirolina con rocódromo; xincanas acuáticas con animación, pintacaras, batallas campais acuáticas, un multi splash acuático; un circuíto de karts a pedais…

Por suposto, un ano máis terá lugar a tradicional festa da espuma, que porá o broche final a esta celebración a última hora da tarde, sobre as 19:00 horas. Un ano máis, o Concello colaborará coa ASCM para manter a iniciativa solidaria “Bocatín, alimentando a inclusión”, de venda de bocadillos –xamón york, queixo e chourizo- a prezos populares e a favor das persoas con discapacidade.

A presidenta da asociación sociocultural ASCM recalcou que a venda se realizará baixo unha carpa instalada no propio paseo para a ocasión e que estará operativa ininterrumpidamente, entre as 12:00 e as 20:00 horas. Paula Gárate indicou que tamén se porán á venda bebidas e haberá algunhas novidades.

“Trátase de que a xente que acuda á festa poida dispoñer dun espazo alí mesmo no que adquirir un bocadillo para realizar unha pequena parada e poder seguir desfrutando da festa infantil”. Así mesmo, establecerase no parque de Freixeiro un punto no que se poderán doar alimentos non perecedoiros para axudar ás familias que precisan a axuda do Centro de Recursos Solidarios de Narón.

“Agradecemos que aquelas persoas que acudan á festa e poidan doar algún tipo de alimento o fagan durante esta xornada, para entre todas e todos poder colaborar e axudar ás familias máis vulnerables”, recalcou Mar Gómez. A celebración deste evento implicará unha serie de restricións no tráfico rodado na zona, concretamente nos viais de acceso ao parque de Freixeiro.

Lea también

72 persoas participan en Narón nos obradoiros do proxecto municipal aCLIMAtarnos

A Casa da Mocidade acolleu o primeiro dos obradoiros do proxecto “aCLIMAtarnos”, sobre concienciación ambiental …