Se celebra unha nova edición do Outlet Fene

Esta fin de semana, entre os días 6 e 8 de setembro, o Concello de Fene celebra unha nova edición do Outlet Fene, que ten por obxectivo dinamizar o comercio local e ofrecer á veciñanza produtos de calidade a prezos reducidos. O evento, organizado pola área de promoción económica que dirixe Ángeles Coira, contará coa participación de 22 establecementos do municipio.

O horario do Outlet será de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas o venres e o sábado, mentres que o domingo desenvolverase entre as 10.30 e as 13 horas. Durante estas xornadas, as persoas que se acheguen poderán atopar unha ampla variedade de produtos nos diferentes establecementos e postos que se distribuirán por toda a zona urbana de Fene.

Para facilitar a participación dos comercios, o Concello habilitará mesas e haimas nos exteriores, para que os establecementos que o solicitaron poidan expoñer os seus produtos. A maiores, co fin de amenizar a experiencia de compra, contarase coa actuación da Charanga da Carmiña, que realizará un pasarrúas tanto o venres como o sábado pola tarde, así como de Malditos Pendejos, que ofrecerá un concerto o venres ás 22.15 horas na cafetaría Arrecendo Galego.

A concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, animou a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta iniciativa: “Este Outlet é unha oportunidade perfecta para apoiar o noso comercio local, mercar produtos de calidade a prezos inmellorábeis e gozar dunha fin de semana diferente en Fene. Queremos que as rúas de Fene se enchan de vida e que este evento sexa un éxito para todos”.

Os 22 establecementos participantes estarán distribuídos pola Avenida Marqués de Figueroa, o Cruce de Fene, a Avenida Naturais, a Rúa do Concello, a Rúa da Fraga e a Avenida da Cooperación. Estes son: A Tenda Agasallos, Berline Boutique, Bualá, Calzados Locay, DaMa, El Baúl de Bego, Jomer, Kenia, Koralli Boutique, Lanas Gena, Lencería Loly Calvo, Lualé 114, Más Sport, Mayka Moda, Mercería e Lencería Costuras, Mundo Mayuka, Mi Pachú, Un Pedacito de Mí, ZSR Zapatería, Cáprica Comics y Juegos, e as cafeterías do CCRD de Perlío e Arrecendo Galego.

Así mesmo, desde a Policía Local informan de que, con motivo deste evento, un tramo da Rúa Cañotas estará cortado ao tráfico desde as 17:00 horas do xoves ata as 15:00 horas do domingo, para facilitar o desenvolvemento do Outlet.

Lea también

Finaliza en Mugardos la campaña de donación de alimentos para las colonias felinas

El Concello de Mugardos informa del fin de la campaña de donación de alimentos húmedos …