O Concello de Narón abriu o proceso de licitación do subministro de enerxía eléctrica nas dependencias, servizos e instalacións municipais. Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, explicando que o importe máximo do mesmo ao ano ascende a 1.308.199,99 euros e que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 30 de setembro, ás 14:00 horas, a través da Sede Electrónica do Concello.
O contrato adxudicarase por un prazo dun ano –con posibilidade de prórroga ata un máximo de dous adicionais- e tendo en conta o consumo do ano 2023, estimándose en 5,77 GWh (cun aforro de enerxía dun 20,4% con respecto ao ano 2021 pola implantación de melloras de eficiencia enerxética), podendo considerarse de referencia para realizar as ofertas. En total, tal e como se recolle no prego, agrúpanse 274 puntos de subministración eléctrica
en alta e baixa tensión, correspondentes co alumeado público da cidade e tamén cos edificios administrativos, instalacións deportivas, escolas, edificios culturais e de xestión do tráfico rodado.
A rexedora local recalcou que no procedemento se estableceu que a procedencia da enerxía a subministrar debe ser cen por cento renovable, avanzando no cumprimento dos compromisos do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) e, así mesmo, indicou que se trata dun contrato indexado. “Trátase de apostar pola garantía de orixe e pagar polo prezo real da enerxía en cada momento, atendendo a que a previsión é que nos vindeiros anos o mercado estableza uns prezos máis baixos que os que se poderían acordar coas empresas, e tamén os gastos de xestión, primándose neste último caso os que sexan máis beneficiosos para as arcas municipais á hora de
adxudicar o contrato”.
A firma adxudicataria tamén terá que asesorar ao Concello no senso de continuar fomentando o aforro enerxético e económico de todos os puntos de subministro, a través dun informe anual, e a facturación terá unha periodicidade
mensual, debendo presentala agrupada por centro e custe.
Os pregos técnico e administrativo do contrato están xa na Plataforma de Contratación do Sector Público.