(Joaquín Enríquez-fotografías de Lucía Mato)-Este mércores 21 de Agosto, Fillas de Cassandra ofreceron no marco das Festas de Ferrol o seu espectáculo “As últimas dionisíacas”. Previamente ó concerto, uns minutos antes de subirse ó escenario, quedamos con María e Sara nas escalinatas do concello para conversar e coñecer un pouco máis sobre a súa actual xira e sobre os seus próximos proxectos.
G.A. Moitas grazas por atendernos uns minutos para conversar antes do voso concerto. Repetides nas festas de Ferrol, o ano pasado a pesar da choiva a vosa actuación foi un auténtico éxito. Como foi a experiencia o ano pasado na nosa cidade? Estabades desexando repetir e voltar a Ferrol?
María.- «O ano pasado xa tiñamos moitísimas ganas de vir aquí, pero caeunos a tormenta do século, houbo moita xente nos soportais cos paraugas, todo o mundo resgardándose da choiva…»
Sara.- «Pero iso, eu creo, que o converteu en máis épico. Foi moi épico, sobre todo porque moita xente nos dixo que estiveran en Ferrol e que irían voltar a vernos cando tivésemos novo concerto na cidade. Ademais, houbo xente que non foi a traballar ao día seguinte ao concerto do ano pasado debido a que se arrefriaron pola molladura».
María.-» Estábamos desexando estar de novo aquí, e poder tocar hoxe con este bo día que está facendo».
G.A.- Actualmente estades coa xira “As Últimas Dionisíacas”, qué nos atopamos nesta xira?
Sara.- «Pois as Últimas Dionisíacas son como nos dicimos ese festexo último antes de abandonar a Acrópole definitivamente. É unha proposta con coreografías, con luces, con novos arranxos dos temas… un festón».
G.A. Acábase xa ese tema mitolóxico tan latente ata agora?
María.- «Nunca sabes cando se vai acabar…»
Sara.-«Eu pensaba que remataba hai dous mil anos e aquí estamos…nunca se sabe».
María.– «Dende logo, si que se pecha un ciclo con este festexo. Mais en realidade temos moito cariño a todas estas cancións, así que dalgún xeito seguirá».
G.A. Tedes xa previsto algún proxecto novo?
María.- «Sí, temos ahí na cabeza algunhas cousiñas que queremos sacar, pero antes de empezar un novo proxecto así grande, e pechar cousas, precisamos tempo, precisamos consumir cultura. Pero sí, temos cousas en mente que sairán».
Sara.– «Si, cousiñas que sairán, e en breves».
G.A. Hai uns meses sacáchedes un tema en colaboración con Tanxugueiras que tivo un gran éxito. Tedes en proxecto algunha colaboración con outros artistas?
María.- «As colaboracións son algo moi bonito, que ao final tamén teñen que nacer do momento, de sentirse en conexión.
Algunha a temos na mente e outras estamos xa xestándoas para que se fomenten tamén e saian se teñen que sair».
Podedes ver o vídeo da entrevista completa no instagram de Galicia Ártabra en http://instagram.com/galiciaartabra.es