Este venres, Pontedeume recibe a primeira xornada de ‘Pontedeume, Vila do Libro’

 A vila eumesa é a primeira localidade galega que acolle este evento, herdeiro do exitoso proxecto catalá Vila del
Llibre.

O programa inclúe actividades, obradoiros, concertos e outro tipo de propostas unidas polo fío condutor da literatura. Os eventos involucran a públicos de distintas idades, incluíndo tamén encontros con escritores e a participación da comunidade local. Todos os eventos son de balde e sen reserva de entradas, agás os obradoiros
de exlibris, que deben reservarse insitu ou na web viladolibro.gal

Venres 23 

Este  venres, 23 de agosto, comeza o programa cun obradoiro de exlibris a cargo de ‘Les Tampons de Roser’, con quendas de dúas horas entre as 17.00 e as 21.00 na Casa da Cultura. Ás 19.00, a Confraría de Pescadores Virxe do Carme realizará o seu itinerario inaugural percorrendo a vila.
Tamén nesta primeira xornada ofrecerase no Espazo Couceiro Freijomil o coloquio sobre a literatura galega e catalá ‘Unha relación literaria tras os pasos de Carvalho’, con Carlos Zanón, Diego Ameixeiras e Sebastià Bennasar. O programa do venres complétase cun obradoiro de freestyle ás 19.30 e unha ‘batalla de galos’ con Gallos del Norte ás 21.30, ambos no espazo de talleres ‘Os Camiños do Libro’.

Sábado 24

Na xornada do sábado continúan os obradoiros de exlibris de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00. A iso súmase a inauguración da exposición ‘Fiat Lux!’ de Yolanda Carbajales ás 12.30 na Casa da Cultura e a actividade infantil ‘Da árbore ao libro’ con Andrea Jamardo Seijo na Horta dos Agostiños ás 18.30. Ás 19.00 do sábado, o Espazo Couceiro Freijomil acolle o coloquio ‘A Guerra de Troia dende as murallas da Vila’, con Anxos García Fonte e X. Bieito Arias.
O programa do sábado complétase co evento ‘A Xeración dos 90 nas letras galegas: Berta Dávila e Lúa Mosquetera’, ás 19.00 no espazo Os Camiños do Libro. A poesía chegarñ o sábado co recital ‘Así falan as poetas’, a cargo de Marta Dacosta e Emma Pedreira ás 20.00 nos xardíns do Chafarís.

A noite do sábado inclúe outros eventos, como o relato infantil ‘Como escorrentar un lobo’, con Antonio M. Fraga na Horta dos Agostiños ás 20.00. O escritor Suso de Toro participará no coloquio ‘Os libros da miña vida’ xunto a Nicolás Vidal ás 20.00 no Espazo Couceiro Freijomil, onde ás 21.00 actuará Tribuna Aberta.

O programa do sábado pecharase con tres eventos máis: o diálogo ‘Os Camiños do Libro. Faise camiño ao ler’ ás 21.00 no espazo Os Camiños do Libro; o concerto de Samuel Diz ‘A Guitarra de Lorca’ ás 21.30 na Casa da Cultura; e a música e poesía de Castro&Welicki con ‘Cantigaeverso’ no Coliseo.

Domingo 25

A última xornada de ‘Pontedeume, Vila do Libro’, o domingo, incluirá novos obradoiros de exlibris de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. A iso, súmase a actividade o obradoiro de colaxe, dirixido a público infantil e xuvenil ás 19.00. A esa mesma hora, as escritoras Arantza Portabales, Victoria González Torralba, Susana Hernández e Ana Pellicer ofrecerán un coloquio sobre novela negra no Espazo Couceiro Freijomil. Tamén ás 19.00 haberá o diálogo ‘Redescubrindo Xavier Alcalá, co escritor e Sebastià Bennasar no espazo Os Camiños do Libro.

As últimas actividades desta edición serán o recital da xeración dos 90, ás 19.30 nos xardíns do Chafarís con Rosalía Fernández Rial e Celia Parra. A esa mesma hora na Horta dos Agostiños celébrase unha actividade familiar de narración oral con Paula Carballeira. Ás 20.00, a Casa da Cultura acolle ‘Olladas de Barro’, un diálogo con Pepe Barro e Carlos Fernández. Por último, o programa péchase co recital ‘Auga Nómade’, co grupo Ouriol e Eva Veiga.

Lea también

Cabanas conta cunha furgoneta para mellorar o servicio de obras e mantemento

O Concello de Cabanas conta cunha nova furgoneta para mellorar a mobilidade do persoal de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *