(Joaquín Enríquez-fotografías de Lucía Mato)-A Praza de Armas de Ferrol foi testemuña este mércores do espectáculo «As últimas dionisíacas»que ofreceron as «Fillas de Cassandra». Era un dos concertos máis agardados destas festas e o público chegado de toda Galicia encheu Ferrol, cunha asistencia que os organizadores cifraron en torno ás 4700 persoas.
Moitos dos presentes comentaban a Galicia Ártabra que estaban encantados de que repetisen nas festas", sobre todo porque a choiva do ano pasado «non deixara desfrutar ao cen por cento do espectáculo, ao ter que refuxiarse da choiva debaixo dos balcóns».
Algo que tamén lembraban as artistas, nunha entrevista que nos concederon antes do seu concerto.
Sara e María mostraban una gran satisfacción por voltar a estar na nosa cidade, na que xa o ano pasado se sentiron moi a gusto, quedando con ganas de voltar, e que o tempo acompañase.
Un espectáculo moi coidado
Sara Soa e María Faro, acompañadas por Marina Vidal e Tania Caamaño, fixeron que o escenario se acendese coa súa presenza e co espectáculo que ofreceron, facendo vibrar cada recuncho da praza cun «eco» que resoou coa axuda dun público entregado que iluminou a noite ferrolá coas lanternas dos seus móbiles.
O concerto, de algo máis dunha hora de duración, incluíu os seus éxitos máis coñecidos, como «Lisístrata» e «Tataravoa». Cunha posta en escena impresionante e moi cuidada, «Fillas de Cassandra»volveron aunar a nosa música tradicional coa fusión de elementos contemporáneos, engaiolando a todos os asistentes, que de todas as idades desfrutaron entregados en cada un dos temas que onte soaron.
Próximamente publicaremos a entrevista que Sara e María nos ofreceron antes de comezar o seu concerto enmarcado nas festas de Ferrol. Unhas festas que continuarán hoxe xoves coa actuación de Beret ás 22:00 horas.