O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, mantivo onte unha xuntanza con representantes das confrarías de Ferrol e Barallobre para traballar en estratexias que permitan avanzar na comercialización. Á reunión asistiron tamén a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; a directora do Intecmar, Covandonga Salgado; e a directora do Cetmar; Paloma Rueda.
No encontro acordouse aumentar os topes de capturas da ameixa a partir da última semana de novembro e durante o todo o mes de decembro, coincidindo co Nadal, a época de maiores vendas do ano.
Control nas Pías
Ademais, foron informados de que o Intecmar está a realizar controis quincenais nas Pías (no Gal-03/08) que na actualidade é zona C, para que, no caso que que as mostraxes determinen unha mellora na zona, se cambie a súa clasificación a zona B a principios de 2013. Cabe destacar que para que unha zona sexa catalogada como B, o molusco debe ter unha concentración de E.coli menor de 4.600 por 100 gramos de carne e líquido intravalvar.
Responsables da Consellería anunciáronlle aos mariscadores que se está a ultimar un Plan de rexeneración de zonas improdutivas para toda Galicia. O plan desenvolverase nos próximos catro anos, pero no 2013 darase prioridade á Ría de Ferrol.
Por último, na xuntanza abordáronse diversos aspectos relacionados coa comercialización, de cara a mellorar e avanzar este aspecto. A Consellería do Medio Rural e do Mar está a estudar diversas medidas para mellorar a comercialización dos produtos pesqueiros con fin de que os mariscadores sexan capaces de acadar máis competitividade e, polo tanto, un incremento dos prezos. As diferentes medidas iranse perfilando nos vindeiros días.