San Sadurniño ultima a II Cronoescalada Sanrockeira

Tralo éxito de participantes colleitado o ano pasado, o Concello de San Sadurniño e o club MTB Biela e Chaveta volven organizar neste 2024 a Cronoescalada San Rockeira, que terá lugar en Naraío o venres 23 de agosto, véspera das festas do San Roque.

As inscricións para a cita ciclista están abertas desde hai varias semanas a través da páxina emesports.es. O último día para apuntarse -de balde- é o 15 de agosto ás 14:00h… ou ben cando se esgoten as 100 prazas dispoñibles. E en setembro, o día 27, tamén teremos unha BTT nocturna.

A cronoescalada Sanrockeira 2024 volverá estar dividida en dúas modalidades, unha para bicicletas de estrada e outra para BTT, e dúas categorías en ambas: Absoluta -18 a 49 anos- e Máster 50 -de 50 anos en diante-. Este ano, como novidade, os tempos controlaranse con chip.

Haberá que completar un percorrido de 3,4 quilómetros de distancia que comezará no campo da festa de Naraío -ao pé da pista polideportiva- e que despois continuará polos lugares do Eirexado, Correlo, o Cerdeirido, a Cernada -polo camiño novo-, Lourido e, finalmente, o lugar de Quintiá. A saída para a primeira persoa participante darase ás 18:30h e a partir de aí irán arrancando individualmente cada 60 segundos.

Os primeiros mil metros, entre o Eirexado e a Cernada (polo camiño novo de Lourido) teñen escasa dificultade, con costas suaves, algún segmento chan e incluso algunha baixada. 

Da Cernada en diante, faltando aínda  2,4 km para a meta, a cousa vólvese máis dura cun ascenso ininterrompido ata practicamente o final no que só se atopan dous breves momentos de folgo: uns raquíticos vinte metros case chans ao entrar en Lourido e os 400 metros previos á chegada, que lle ofrecen a quen teña folgos a oportunidade de botar un sprint para rabuñar algúns segundos no crono.

A inscrición na II Cronoescalada Sanrockeira é gratuíta e deberá facerse antes das 14:00h do 15 de agosto a través da web emesports.es. Hai 100 prazas dispoñibles que se irán asignando por orde de solicitude.

A cita está organizada polo Concello e o club MTB Biela e Chaveta coa colaboración da comisión de festas de Naraío, que nesa fin de semana celebrará o San Roque.

BTT nocturna en setembro

A outra cita ciclista que temos en axenda é unha ruta BTT nocturna o venres 27 de setembro a partir das 21:00h con saída e chegada no CPI de San Sadurniño. Neste caso serán 21 quilómetros de baixa dificultade por pistas, camiños e corredoiras do concello.

Tamén se ofertan un máximo de 100 prazas, que se poderán reservar de balde ata as 14:00h do 25 de setembro. A folla de inscrición, dispoñible nesta ligazón, haberá que rexistrala no Concello ou enviarlla a fernando.guinazu@sansadurnino.gal ou a agustin.perez@sansadurnino.gal

Lea también

Unos 200 estudiantes de secundaria participan este viernes en la IV Olimpíada Robótica en Ferrol

 Cerca de 200 estudiantes de ESO de distintos puntos de las provincias de A Coruña …