Narón rexeita a subida do canon de Sogama e solicita un cambio no modelo de xestión en Galicia

O Concello de Narón acolleu este mércores 24 a celebración do pleno ordinario no que se aprobou unha moción rexeitando a subida do canon da empresa Sogama, cos votos favorables dos edís de TEGA, BNG e PSOE.

A Federación Galega de Municipios e Provincias xa manifestou a súa oposición ao incremento plantexado e na moción presentada ao pleno polos nacionalistas califícase de “paradoxal” o feito de que “o goberno do PP foi o que no seu día preveu a través de Sogama unha xerarquización nas opcións de tratamento dos residuos, optando pola incineración con recuperación de enerxía e non incluíndo o tratamento da compostaxe, sendo agora quen se beneficie dos ingresos do imposto que penaliza esta opción”.

A través da moción aprobada instarase á Xunta a repartir entre todos os concellos galegos os 12.100.000 de euros do Fondo Adicional, repartindo en función das toneladas depositadas por cada concello.

Así mesmo, ínstase a achega total da cantidade recadada polo imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos, que orzamentaron inicialmente en 12.150.039 de euros, para implementar bonificacións no canon dos concellos e a crear unha comisión de traballo na que estean presentes Sogama, as consellerías de Medio Ambiente e Facenda e a Fegamp para determinar as condicións do canon para o vindeiro ano e debater o cambio de modelo de xestión en Galicia.

O apoio ao persoal traballador en folga da empresa Maitours, das liñas de autobús entre Ferrol, Narón e Neda, chegou ao pleno deste mes como declaración institucional.

A corporación local manifesta públicamente o apoio ás reivindicacións e folga do persoal da compañía e urxe a axilización do proceso para que se asine o convenio provincial por parte da empresa e que pague os atrasos aos traballadores.

A corporación local levou tamén ao pleno outra declaración institucional, neste caso para a unidade na loita contra a violencia de xénero (Ministerio d Igualdade e FEMP), en defensa dos consensos que permitiron e permiten avanzar na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria para mulleres e homes e na loita contra a violencia de xénero como responsabilidade colectiva e que require da unidade de todas as institucións.

As entidades locais, tal e como se recolle no documento, desenvolven un papel fundamental ao ser as administracións máis próximas á cidadanía e a porta de acceso a sistemas de protección, asistencia e recursos ás vítimas.

Na sesión plenaria aprobouse definitivamente, tras resolver as alegacións presentadas ao documento, o inventario de vías do Concello de Narón, que se poderá consultar no Xeoportal corporativo.

O acordo publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de edictos do Concello.

No apartado de mocións o PP e o PSOE presentaron unha conxunta sobre a implementación dun plan de seguridade para eventos patrocinados polo Concello de Narón; esta foi aprobada cunha emenda do BNG. Os populares presentaron, unha moción, tamén aprobadada, de reacondicionamento da contorna da urbanización do Couto e o PSOE outra para que o 50% do POS Adicional deste ano se adique á zona rural de Narón esta aprobada coa unanimidade de toda a corporación.

Tamén por unanimidade saiu a diante a moción do BNG en apoio á plataforma Ágora, integrada por entidades e organizacións da comarca de Ferrol, persoal do centro e familiares de residentes no CAPD Souto de Leixa –centro da Xunta de Galicia para atención a persoas con discapacidade intelectual- en defensa dos dereitos deste último colectivo.

Lea también

Odeón acoge el XXXIII Torneo Universitario Lóstrego de ajedrez

La Plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón será el escenario elegido un año más …