A parroquia de Sedes, Narón, acolle o “24º Oenach Atlántico”

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, xunto coa concelleira de Turismo, Natalia Hermida, presentaron, acompañadas de representantes da AVV Rosa dos Ventos e da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes o “24º Oenach Atlántico” de Sedes, que se celebrará esta finde semana na citada parroquia.

A cita festiva, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, aposta un ano máis por recuperar a vida comunitaria nos castros e contempla un variado programa de actividades pensadas para persoas de todas as idades, tal e como indicou Hermida.

A programación comezará o venres 26 ás 21 horas, co acto de inauguración e o tradicional acendido de lumes, para a continuación desfrutar nunha noite de música galiciana do concerto de Óscar Ibáñez & Tribo, que será ás 22 horas.

O sábado 27 a programación iniciarase coa apertura da campa castrexa ás 11:00 horas, momento no que tamén comezarán as mostras de artesanía en vivo e as actividades lúdicas para pequenos e maiores.

O espazo gastronómico da campa do Trece terá tamén un apartado propio ao mediodía. Pola tarde, dende as 16:00 ata as 20:00 horas, o espazo lúdico retomará os xogos populares e ás 18:00 haberá unha parada etnográfica da música e o baile tradicional, amenizada polo Grupo de música e danza tradicional Alxibeira. Pola noite, a partir das 22:30 horas, celebrarase a tradicional “Noite do castro”, coa representación da obra Vida, de Laura Aneiros, a cargo da gran Compañía de Teatro Comunitario de Sedes.

Na última xornada desta edición do Oenach Atlántico, o domingo 28, reabrirá a campa e retomarase a artesanía en vivo, así como as actividades lúdicas para pequenos e maiores, ás 11:00 horas. Tamén nese momento haberá unha Mostra de Can de Palleiro nas inmediacións da nave do recinto feiral do Trece e ás 12:30 poderase ver unha recreación teatral na campa, concretamente a obra Agripa, de Juan Miguel Padín.

A sesión vermú dará comezo ás 13:00 horas, coa agrupación Tanto nos ten, e ás 14:00 comezará o Oenach gastronómico no espazo de xantares. Xa pola tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas poderase desfrutar de xogos populares e ás 17:00 dará comezo o concerto de Café Dorothé.

A música continuará ás 18:00 cunha parada etnográfica da música tradicional, a cargo da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, para dar paso ás 19:00 a unha recreación na campa como acto de clausura desta celebración. O broche final desta edición será musical, cun concerto de Comando Curuxás que se iniciará ás 20:00 horas.

Lea también

El servicio de Autobuses Ferrol-Narón-Neda se restablece ante un acuerdo de trabajadores y empresa

Tras cuatro meses y medio de huelga los trabajadores de la empresa Maitours, del grupo …