O centro de día de Menores da Deputación en Ferrol estrea novo parque infantil adaptado

O centro de día de Menores da Deputación da Coruña en Ferrol estrea novo parque infantil accesible e adaptado a menores de diferentes grupos de idades ata os seis anos.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, inaugurou este martes 23 a infraestrutura, acompañado das deputadas de Política Social, Mar García Vidal e Emprego, Rosa Ana García, e da directora do centro, Mónica Pérez, que explicou os detalles das obras de renovación integral deste parque de xogos para dar servizo aos nenos que atende o centro.

Formoso sinalou que estas obras responden ao compromiso adquirido na súa última visita ao centro para renovar o parque e facelo accesible aos menores algún tipo de discapacidade e sinalou que a nova infraestrutura “permite favorecer os procesos de inclusión no eido comunitario e educativo de nenos que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade”.

As obras, que contaron cun orzamento de 105.986 euros, consistiron na demolición e retirada do pavimento e equipamento do anterior parque, que se atopaba cun alto grao de deterioro e impedía o uso do parque.

A actuación incluíu a renovación completa das instalacións e a creación de dúas zonas diferenciadas por idades dentro das mesmas: unha para cativos de 0 a 2 anos e outra de 3 a 6 anos. Ademais, tamén se instalaron novos xogos, adaptados a persoas con discapacidade e mellorouse a accesibilidade do recinto.

O novo equipamento está dotado de: bambáns de diferentes idades, multixogos con tobogán e túnel, casiña de xogo, balancín, túnel, tobogán, paneis de lousa e actividades, teléfonos e saltadores.

Fóra do ámbito do parque, actuouse tamén na zona axardinada, onde se instalou un trono e varios tallos, que permiten novas formas de xogo, lectura ou celebracións infantís.

O centro conta cun equipo de trinta profesionais no ámbito social e educativo que atenden a un máximo de 70 menores. Ademais da manutención e a intervención socioeducativa cos menores e as súas familias, cóntase tamén cun Servizo Propio de Transporte financiado polo ente provincial para os desprazamentos dos menores desde os centros escolares.

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …