O Mercado medieval de Narón situado no Parque de Freixeiro abrirá este xoves ás 18:00 horas con máis dun centenar de postos e numerosas actividades para todas as idades.
Na xornada do venres o Mercado reabrirá ás 11:00 horas, coas diferentes actividades, como a apertura da escola de cabaleiros, as exposición, a visita do trasno Froilán, que gastará bromas aos asistentes, a danza dos veos de Nazareth, un pasarrúas musical ás 12:45 horas e un descanso sobre as 14:15 horas para poder xantar nalgúns dos postos instados no propio mercado.
Pola tarde poderase visitar o Mercado dende as 18:00 horas, con propostas musicais con tambores e fanfarras, a presencia de bufóns, acrobacias circenses, danza do ventre, música de gaitas e tambores e da agrupación Treefolk, a visita de Luisete e a maxia de Baom, pasarrúas dende as 21:20 horas e un de gran formato con sorpresas a partir das 21:45 horas.
A continuación, sobre as 22:30 horas haberá un espectáculo de lume e circo con Maktub e pechará a xornada un pasarrúas musical que dará comezo ás 23:00 horas.
O sábado a programación continuará en horario de mañá dende as 11:00 horas, con pasarrúas, trasnos, bufóns, a música de Treefolk, espectáculo aéreo e circense con veos ás 14:00 horas e unha parada para comer ás 14:30 horas.
Pola tarde o ambiente do medievo regresará ás 18:00 horas, momento dende o que se sucederán a música, os bufóns, a danza do ventre, os pasarrúas, e ás 22:15 haberá un espectáculo de gran formato con sorpresas ao que seguirá, ás 23:00 horas, un espectáculo de lume con aéreos e circo.
Finalmente, o domingo reabrirá de novo ás 11:00 horas o Mercado medieval e regresará a música, os bufóns, faunos, a danza do ventre, un obradoiro de esparto para nenos ás 13:45 horas e un descanso para xantar ás 14:30.
Pola tarde poderase visitar o Mercado dende as 18:00 horas e tamén haberá música e outras propostas de maxia e un pasarrúas infantil de despedida con música, danza, lume e o gran dragón ás 21:45 horas que marcará o fin de festa cun espectáculo aéreo, de lume e circo, acompañado de todas as compañías.
A edil naronesa avanzou que a maiores haberá durante a fin de semana atraccións infantís, un obradoiro de esparto, unha actividade de tiro con arco, probas de habilidade coa Escola de cabaleiros e un campamento medieval para descubrir a vida e costumes da época.
A concelleira de Feiras e Mercados recordou que o Mercado Medieval de Narón reúne cada ano a centos de persoas, chegadas da cidade e tamén doutros concellos, ás que animou a regresar de novo a visitar esta edición.