Ferrol en Común denuncia «un novo atentado do goberno de Rey Varela contra os traballadores do Concello de Ferrol, esta vez, por deixar de convocar á representación sindical á Comisión Informativa de Facenda, Emprego, Recursos Humanos, Estatística, Patrimonio, Patrimonio Histórico, Turismo,Sanidade, Consumo, Benestar Animal e Mercados, unha convocatoria que leva realizándose máis de 25 anos e está contemplada no II Acordo Regulador das condicións de traballo do persoal ao servizo do Concello de Ferrol».
«Esta actitude impositiva do goberno municipal, ignorando toda a legalidade vixente, vulnera a liberdade sindical dos traballadores do Concello, unha cuestión moi grave pois trátase dun dereito fundamental recollido non so en regulamentos, acordos ou informes senón na propia Constitución».
«Primeiro foi a expulsión dun sindicato da Mesa Xeral de Negociación, despois a suspensión do teletraballo e agora a exclusión da representación sindical da Comisión onde trátanse os asuntos de persoal e recursos humanos». «Esta adopción unilateral deste tipo de decisións por parte do goberno do PP afectan directamente aos empregados públicos por impedir o exercicio da actividade sindical e as súas labores en defensa dos traballadores».
«Ademais de estar contemplada a convocatoria da representación sindical no II Acordo Regulador das condicións de traballo do persoal ao servizo do Concello de Ferrol á Comisión de RRHH, existe un informe de novembro de 2020 do Secretario Municipal onde indica literalmente “procede que os representantes dos traballadores asistan á Comisión Informativa de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos”».
Por todo isto, FeC considera que «o goberno do Partido Popular está cruzando demasiadas liñas vermellas, vulnerando os dereitos dos traballadores, a liberdade sindical e a legalidade vixente, polo que exixímoslle que cambie de actitude e deixe de dirixir esta administración coma un goberno totalitario e absolutista».