Se ultima en Narón a celebración do Entroido de verán

 A concelleira de Festas de Narón, Mar Gómez, presentou xunto con Paula Gárate, presidenta da Asociación Sociocultural ASCM; Maribel Mouriz e Rebeca Ferreira, integrantes das comparsas naronesas Os Parrandolos e Os Argalleiros, respectivamente, o Entroido de Verán.
 
 
A celebración desenvolverase o vindeiro 22 deste mes na praza da Gándara e é aberta á cidadanía en xeral, á que se anima a acudir disfrazada e participar activamente en todas as actividades do programa.
 
A convocatoria dará comezo ás 16:30 horas, coa concentración de comparsas na praza de Galicia, onde ás 17:00 horas, e ata as 18:30, poderase participar en varios xogos infantís. Ao remate da sesión dará comezo a primeira actuación de BATUKin, unha formación inclusiva da ASCM que se debutará neste evento, dando a coñecer o traballo realizado nos ensaios dos últimos meses, tal e como indicou Paula Gárate.
 
A concentración de comparsas será entre as 19:00 e as 19:30 horas e dará paso ao pasarrúas por vías do barrio da Gándara, que está previsto que remate ás 20:30 horas. A presidenta da Asociación Cultural ASCM animou á veciñanza a acudir a esta convocatoria, disfrazada para a ocasión e agradeceu a implicación do Consistorio e das comparsas naronesas Os Parrandolos, Os Argalleiros e Tróupele Tróupele.
 
Gárate destacou a vocación de continuidade deste evento, que o pasado ano tivo unha gran acollida entre a cidadanía. Dende a comparsa Os Parrandolos, Maribel Mouriz fixo tamén un chamamento á participación e ofreceu ás persoas interesadas a posibilidade de solicitar algún disfraz dos que teñen na AVV Piñeiros para poder participar neste Entroido de verán.
 
Pola súa banda, Rebeca Ferreira, da comparsa Os Argalleiros, recordou que o pasado ano o evento resultou “unha marabilla” e asegurou que “esta é unha iniciativa na que estamos moi orgullosos de participar”.
 
Finalmente, a concelleira de Festas, Mar Gómez, felicitou á Asociación Cultural ASCM por manter esta convocatoria de lecer estival e tamén valorou a implicación das comparsas locais no evento. A edil naronesa destacou que se trata “dunha proposta inclusiva e con carácter interxeracional que esperamos que reúna de novo os veciños non só de Narón senón tamén chegados doutros concellos”.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle un espectáculo de danza e música tradicional

O Pazo da Cultura de Narón acolle este sábado 30, ás 20:00 horas, un espectáculo …