Peter Punk presenta en Fene «Peor imposible»

Praza do CPS San Valentín- Foto Concello de Fene

No marco do ciclo Xullo, mes da Patria, a concellería de Cultura anuncia para este martes, 9 de xullo, un espectáculo de clown, malabares e humor para todos os públicos. A función, comenza ás 21 horas na praza do CPS de San Valentín e correrá a cargo do coñecido clown Peter Punk. Entrada libre e de balde.

Peor imposible é o último espectáculo unipersoal do recoñecido pallaso Peter Punk, no que mantén a súa esencia e o humor irreverente co que acadou o éxito. E onde da mostra da súa veteranía e madurez, tras máis dunha década de traxectoria profesional.

Peter Punk non contaba con que as cousas sempre poden ir a peor. Na súa nova aventura, non lle queda outra que afrontar o seu fracaso. Pero está disposto a todo pola risa do público.

Unha catedral de nove paraugas en equilibrio, o salto ao baleiro dun voluntario a cegas, o perigoso Circuito da Morte, e un evocador final que sorprenderá ás máis cativas e cativos, e fará reflexionar ao público adulto.

Nesta ocasión veremos a un pallaso optimista, equilibrado e olímpico, que buscará a complicidade do público para superar as dificultades que atopará en cada rutina, como unha metáfora dos tempos que vivimos.

Organiza: concellería de Cultura de Fene coa colaboración do CPS de San Valentín e Agadic (Xunta de Galicia).

Lea también

Paro total en los dos astilleros de Navantia en la ría de Ferrol para demandar avances en la negociación del convenio

Se trata de una jornada de huelga de 24 horas que se secunda en el …