Fene avanza na revisión do PXOM para adaptalo ás novas necesidades

O Concello de Fene e a empresa encargada da revisión do PXOM acordaron cancelar o contrato de mutuo acordo debido á súa obsolescencia. A área de Urbanismo traballa na redacción dos pregos técnicos e administrativos para licitar a revisión do PXOM.

O Concello de Fene está a dar importantes pasos na revisión do seu Plan de Ordenación Municipal (PXOM). Desde o ano 2020 leváronse a cabo varias modificacións urxentes, incluíndo a revisión de cinco núcleos rurais, tres en Magalofes, unha en Sillobre e unha en Maniños, así como un estudo de detalle no Camiño do Regueiro, para aliñar o PXOM coa realidade actual do concello.

O concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo, destacou tamén o investimento de 25.000 euros para actualizar a cartografía municipal. “Dotámonos así dunha ferramenta imprescindíbel para levar a cabo a revisión do PXOM sobre unha base sólida e acorde coa realidade actual”, apuntou Polo.

Recentemente, o Concello de Fene e a empresa encargada da revisión do PXOM, ARQYUR S.C., acordaron cancelar o contrato de mutuo acordo debido á súa obsolescencia. “O contrato, que databa do 2010, estaba totalmente desfasado debido aos cambios lexislativos e normativos que tiveron lugar desde entón”, explicou Polo.

Malia esta cancelación, o Concello mantivo diversas reunións coa Dirección Xeral de Urbanismo, asegurando a subvención para revisión do PXOM, que ascende a algo máis de 85.000 euros. “Agora procederemos á redacción dos pregos técnicos e administrativos para licitar novamente a revisión do PXOM”, asegurou Manuel Polo, quen tamén destacou “o compromiso do goberno local para atender ás demandas da veciñanza e acadar un amplo consenso político e social no proceso”.

O retraso na revisión do PXOM estivo provocado por varios factores, entre eles os cambios lexislativos do 2016 e a inestabilidade política do Concello entre 2015 e 2020. “Agora é o momento axeitado para encamiñar estes traballos, e iso é o que estamos facer”, asegurou Polo.

O Concello de Fene asegurará na revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal un desenvolvemento urbanístico sostíbel e ordenado, aliñado cos ODS da Axenda 2030. “Debemos ter en conta os cambios culturais que vimos observando nos últimos anos, nos que se a sociedade tende a optar por vivendas individuais de pequeno ou tamaño medio con espazo libre, e sen perder de vista a crise inmobiliaria, que obriga aos poderes públicos a pensar nun crecemento sostíbel”, concluíu o concelleiro.

Lea también

“IV Jornadas micológicas de Neda”

La Asociación micolóxica Viriato organiza la próxima semana, con la colaboración del Ayuntamiento, las “IV …