Rapaces de Valdoviño participan nas actividades do programa «Veráns Lecer Consumo»

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Valdoviño, Alberto González, visitou este martes no local social da AVV de Pantín aos participantes na actividade Xogueteando: un lecer diferente, no marco da campaña autonómica Veráns Lecer Consumo coa que o Goberno galego pretende concienciar ás rapazas e rapaces de entre 3 e 18 anos da importancia de levar a cabo un consumo responsable e sustentable.


Veráns Lecer Consumo é un programa da Dirección xeral de Comercio e Consumo de carácter gratuíto que está a disposición de todos os concellos de Galicia co obxectivo de ocupar o tempo libre do verán dos menores dun xeito lúdico e instrutivo. Inclúe a programación de máis de 200 actividades a longo do mes de xullo e ata o 2 de agosto.

“A través de campañas divulgativas e formativas coma esta, a Xunta de Galicia pretende reducir os riscos de vulnerabilidade das persoa consumidoras e camiñar cara a consecución duns consumidores comprometidos coa contorna, coñecedores dos seus dereitos e que conten coas ferramentas necesarias para defendelos”, apuntou Aneiros.

Así a iniciativa está composta por diferentes actividades relacionadas cos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, o consumo intelixente, a publicidade ou o uso das novas tecnoloxías. Cada unha delas ten una duración dunha hora e está adaptada ás idades dos rapaces participantes.

Na actividade Xogueteando: un lecer diferente, tomaron parte en Valdoviño unha vintena de nenas e nenos de entre 3 e 6 anos que gozaron da narración dun conto baseado no consumo responsable e na idea de que non son precisos moitos xoguetes para aproveitar o tempo libre. Ao termo da mesma tiveron que crear o seu propio xoguete relacionado co relato. Ao termo desta sesión, levouse a cabo a Xincana do Consumo responsable, orientada nesta ocasión a menores de entre 7 e 12 anos na que participaron outros 24 alumnos da localidade.

Estas non son as únicas propostas da campaña Veráns Lecer Consumo que desembarcarán este mes nos municipios de Ferrolterra. O programa xa recalou en Pontedeume e os próximos días 9 e 15 de xullo farano nos de Narón e San Sadurniño, respectivamente. Estas datas poderían verse ampliadas nos próximos días.

Lea también

Rueda subraya la inversión en infraestructuras del agua en Ares para impulsar el turismo de calidad

El presidente de la Xunta destaca la necesidad de servicios «a la altura» del entorno …