Rosa Ana García salienta o compromiso da Deputación coas pequenas empresas

A deputada de Industria e Empresa destacou os 112 millóns de euros que a Administración provincial investiu en apoiar a pemes e autónomos. Recordou que grazas ás subvencións concedidas nos últimos sete anos se contratou a unhas 7.200 persoas desempregadas.

A deputada provincial de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García, destacou en Santiago o compromiso da Deputación da Coruña coas pequenas empresas.

Durante a entrega do Premio Peme do Ano, que concede a Cámara de Comercio compostelá, sinalou ás pequenas e medianas compañías como “o motor económico da nosa provincia”, ademais de constituír “o corazón das nosas comunidades”.

García repasou na súa intervención algunhas das iniciativas coas que a Administración provincial apoia ao tecido produtivo. “Estamos plenamente comprometidos co apoio ás pemes, insistiu, e sabemos que para que poidan seguir crecendo e xerando riqueza é fundamental ofrecer recursos e formación e crear unha contorna favorable”. Os 112 millóns de euros que a Deputación leva investidos con ese obxectivo son, dixo, “unha proba diso”.

A deputada lembrou que existen varias liñas de axuda provinciais de carácter anual que chegan tamén aos autónomos. Grazas a elas, por exemplo, poden sufragar parte das súas cotas sociais, modernizar os seus negocios a través de investimentos ou avanzar na dixitalización, pero tamén poden aproveitar a rede de espazos da Deputación para dispoñer dun lugar de traballo.

Entre algúns dos beneficios destes programas, citou a posibilidade de abrir as portas de mercados máis amplos e contratar persoal. De feito, unhas 7.200 persoas desempregadas accederon a un posto de traballo durante os últimos sete anos grazas ás liñas de axudas a empresas que ofrece a Deputación.

“Hoxe celebramos a excelencia, a sustentabilidade, a internacionalización, a dixitalización, a innovación e, sobre todo, o esforzo das nosas pequenas e medianas empresas”, apuntou Rosa Ana García, que asegurou que na provincia coruñesa “respírase talento, creatividade e un espírito emprendedor inquebrantable”.

Tamén fixo unha mención especial á sustentabilidade e ao “papel crucial” das pemes “na transición cara a unha economía verde e circular”. Por ese motivo, subliñou, a Deputación seguiralles dando soporte aos proxectos que promovan a eficiencia enerxética, o uso de enerxías renovables e a xestión responsable dos recursos. “Queremos que A Coruña sexa un referente en sustentabilidade e responsabilidade social empresarial”, remarcou.

“O noso esforzo e compromiso está dirixido a seguir a carón de vós, traballando para brindar todo o respaldo necesario, promovendo políticas e programas que impulsen o desenvolvemento e a competitividade”, reiterou a deputada.

Lea también

Arrancan los exámenes para Policía Local en Silleda el 28 de septiembre con más de 800 aspirantes

La convocatoria cuenta con 105 plazas distribuidas en 31 ayuntamientos de Galicia. Más de 800 …