San Sadurniño reivindicará o próximo venres e o sábado a liberdade de ser e sentir

O 28 de xuño celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBI, unha xornada marcada por manifestacións, actividades culturais e eventos en todo o mundo que reivindican a igualdade, a dignidade e o respecto para a comunidade LGTBI, lembrando a histórica loita iniciada cos disturbios de Stonewall en 1969 e subliñando a importancia de continuar avanzando cara a unha sociedade máis inclusiva e diversa.

Gravación do vídeo-podcast «Falando sen cancelas». Na foto aparecen Regina Cinza -á esquerda- e Oriana López -centro- conversando coa educadora social e activista Patri Freire. (Foto: César Galdo)

A Área de Igualdade de San Sadurniño promove o venres 28 e o sábado 29 dúas xornadas de celebración das diversidades sexuais e afectivas e, sobre todo, de reivindicación da plenitude de dereitos de quen é libre de sentirse e amar como queira.

As accións colectivas, organizadas en colaboración coa Asociación Cultural Brío, comezan o venres pola mañá co izado ás 10:00h da bandeira do arco da vella diante da casa consistorial. No acto tamén se lerá o manifesto institucional con motivo do 28X.

Ese mesmo día a partir das 11:30 horas  terán lugar no local social de Lamas dous obradoiros para a cativería divididos por idades.  No dirixido ás nenas e nenos máis pequenos fabricarán papaventos con cintas de cores e axóuxeres, mentres que a rapazada de maior idade deseñará un atrapasoños. As actividades estarán titorizadas pola axente municipal de Igualdade, Oriana López, e por Sara Bellón, integrante de Brío, quen lles contará un conto arredor do respecto e das liberdades de ser e sentir.

Estas actividades son gratuítas e teñen prazas limitadas, polo que será necesario inscribirse a través do 695 876 178 ou do correo oriana.lopez@sansadurnino.gal.

Na xornada principal do Día do Orgullo, o Concello tamén publicará en Facebook e Youtube un novo capítulo do videopodcast “Falando sen cancelas”, protagonizado nesta ocasión pola educadora social e activista LGTBI Patricia Freire. Con ela conversarán a técnica de Igualdade e Regina Cinza -membro de Saraibas, da Asociación Bidueiro e dinamizadora cultural- para mostrar como foi mudando dunhas xeracións a outras (se é que o fixo) a percepción social da diversidade afectiva.

Contacontos o sábado
As actividades do día internacional finalizarán o sábado co espectáculo familiar Rosa e Azul, ao que poderemos asistir a partir das 11:30 horas no adro do Convento do Rosario. Trátase dunha proposta especialmente indicada para crianzas de entre 3 e 8 anos. A través de contos e pequenas historias celebrarase a diversidade LGTBI+ rachando cos estereotipos de xénero e o binarismo que consciente ou inconscientemente nos vén imposto ao pouco de nacermos.

Rosa e Azul é unha montaxe de Victoria Pérez e Manu Fernández. Ambos integran a compañía Pérez&Fernández, responsable de pezas relacionadas coa igualdade, así como da adaptación teatral de textos de Roal Dahl ou da obra Os nenos da varíola, de María Solar.

 

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …