O BNG de Narón presenta unha iniciativa para que Narón aprobe un proxecto de creación dun parque canino de entre 15.000 e 20.000 metros cadrados para que familias e veciñanza en xeral poidan gozar dunha área de esparcemento e no que os cans cos que convivimos poidan gozar en “liberdade”.
Hai un ano o BNG e TeGa prometían nos seus programas electorais un parque canino de grandes dimensións e, desde o BNG, materialízano agora cunha moción plenaria para que sexa unha realidade “nós dixemos que quedabamos na oposición para poder defender un Narón mellor e que a través do diálogo puideramos acordar con calquera que asumise o que defendemos. O mes pasado conseguimos aprobar a creación dun centro de información á muller e este mes pedimos que o concello se conciencie co que significa “coidar un animal” nunha cidade con máis de 7.000 cans censados” declara Olaia Ledo, voceira municipal do BNG. .
O BNG incide na súa moción que a inversión pode partir desde o POS (Plan de investimentos para os concellos da Deputación, área gobernada polo BNG) ou a través de fondos europeos e insisten “queremos que o goberno de Narón se comprometa e non faga como noutras mocións aprobadas que logo gardan nun caixón” incide Ledo.
A moción reclama un parque con áreas recreativas, zonas de xogo específicas para estes animais, zonas arboradas, ambigú e camiños de sendeirismo “queremos que Narón sexa referente de calidade de vida, e un parque para todos os públicos e tamén para os nosos animais de compañía será un punto de encontro na comarca”.