O grupo de usuarios do Hospital de Día de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol puxeron en práctica habilidades para o seu día a día no Circo Social no centro veciñal de Canido, en Ferrol, durante este primeiro semestre do ano.
Estas novedosas sesións de Circo Social realizáronse durante xornadas de dúas horas os venres, e este venres 21 rematan co traslado dos e das participantes a un ámbito circense real en Santiago de Compostela, Circo Nove, onde farán un “balance do aprendido e como se pode trasladar iso ó noso día a día en tódolos ámbitos da vida”.
Como explica a terapeuta ocupacional da Área ferrolá, Nuria García Gonzalo, desenvolveron esta acción incluíndo os cinco aspectos clave a traballar no propio concepto de Circo como acrónimo: Comunicación, Innovación, Resiliencia, Creatividade e Oportunidade. Trátase de aplicar as técnicas dunha disciplina concreta, neste caso ó circo, á vida persoal e á participación da vida diaria das e dos usuarios do Hospital de Día de Psiquiatría.
Forza e autocoñecemento
O circo é un fenómeno artístico que forma parte das artes escénicas, e que co paso do tempo ten ido adquirindo diferentes características en canto ó seu formato e axustándose ás peculiaridades de cada época.
Ademais de traballar variedade de aspectos físicos e mentais como a forza, a flexibilidade e o autocoñecemento, brinda a oportunidade para que cada participante fortaleza as súas habilidades comunicativas e actitudes na súa formación persoal. Isto permite que cada persoa tome unha posición crítica ante situacións que se poidan presentar, e xera igualmente un espazo para o fortalecemento en valores.
Todos estes beneficios do circo son os que se aproveitan dende o Hospital de Día de Psiquiatría, e este venres remataron as sesións nas que traballaron con distintas modalidades da disciplina circense: Equilibrio, malabares, as acrobacias, os aéreos e os clown/splapstick.
Este especial Circo Social é posible coa colaboración da Asociación Veciñal de Canido en Ferrol e a Fundación Enki, unha organización sen ánimo de lucro, co propósito de amosar, a través do deporte e o ocio, que a inclusión fai máis feliz á sociedade, e que coordina nesta ocasión a terapeuta ocupacional e experta en estas técnicas, Jessica Martin, que coñece o Hospital de Día ferrolán xa que estivo formándose nel.
Subliñaban ó inicio desta actividade que “co circo canalizamos as emocións; aprendemos a confiar e a que confíen en nós; e a recoñecer os apoios externos. Ademais, danos unha oportunidade de desenvolver unha habilidade que teñamos», e, á espera dunha más fonda análise da actividade, os obxectivos da actividade están acadados.
Mellorar as habilidades propias a través das habilidades circenses
A Terapeuta ocupacional do CHUF, Nuria García, desglosou os aspectos clave que recolle esta actividade mediante o propio acrónimo de Circo. C de Comunidade, e enfatiza, «dende o Hospital de Día, parte do noso traballo é que as persoas se movan nos seus contornos, e mellor se empregamos os recursos da nosa Comunidade, institucións e organizacións”. I de Innovación, porque a aplicación desta disciplina artística para a transformación da comunidade é unha dinámica moi novedosa en Galicia.
«R» de Resiliencia, “a capacidade que temos de volver ó estado habitual tralas dificultades, e como os retos, ó igual que as actividades circenses, fanos superar os nosos límites, implementalos na vida real, e transformalos”, continúa a explicar. C de Creatividade, aplicando esa creatividade a que solucións dunha disciplina, como manexar varios obxectos, o equilibrio, ou contar cos outros, levalos tamén á vida diaria.
E «O» de Oportunidade, “trátase de empregar un contexto fora do hospitalario, ter un recurso peculiar ó alcance dos obxectivos de ocupar espazos”. É así como, dende o Hospital de Día de Psiquiatría, configuraron o seu propio proxecto de Circo Social.