O concelleiro socialista do concello de Ferrol Julián Reina solicitou a reparación urxente dos viais do túnel da praza de España, xa que, como dixo, presentan un «importante deterioro e pode resultar perigosos circular por eles».
«É necesaria unha intervención urxente pola súa perigosidade, especialmente acentuada no caso da circulación con bicicletas ou motocicletas, pero tamén no caso dos turismos, xa que debido ao tamaño das fochancas, a manobra para evitalas pode ocasionar accidentes», asegurou o edil.
Reina indicou que, nomeadamente, «estamos falando de buratos na estrada nos que cabe unha roda enteira», ao tempo que engadiu que «o grao de deterioro é tal, que xa se pode ver como a capa de aglomerado desapareceu por completo e queda á vista o formigón que hai debaixo».
O grupo socialista considera que debe intervirse nos tres viais subterráneos, tanto o que conecta a estrada de Castela co barrio da Magdalena, como o que conecta A Magdalena coa estrada de Castela e, especialmente, na unión entre a avenida do Rei e a avenida de Vigo.
Con respecto a este último vial, Reina apuntou que debe aproveitarse a intervención para buscar unha solución mediante a habilitación dunha rede de pluviais para evitar as inundacións que ano tras ano motivan a intervención dos bombeiros nesa zona.
Finalmente, Julián Reina anima Rey Varela a «conxugar o verbo resolver en lugar de anunciar», manifestando que «en materia de mantemento, o alcalde anunciou a bombo e platillo un plan de barrios que a todas luces o que consigue é desorganizar o mantemento na cidade, deixando de lado as reparacións necesarias e planificadas para atender o contido da ocurrencia do alcalde dese día».