Alma Barrón, concelleira de Cultura de Ares, e o presidente e vocal da Asociación de Fotografía de Ferrolterra, Mikel Díaz e Marcos López, presentaron na Alianza Aresana o VII Congreso de Fotografía de Longa Exposición (LEA), un evento para os amantes da práctica fotográfica que recalará no Mosteiro de Santa Catalina, en horario de mañá e de tarde, o 5 e 6 de xullo.
O Congreso LEA achegará así unha ampla grella de sesións formativas e divulgativas sobre diferentes tipoloxías de fotografías, dende a diúrna de longa exposición ás vencelladas cos espectros de luz ou o arte do lightpainting, sempre da man de expertos que garanten a calidade dos contidos dos relatorios.
Soraya Sampedro, Drew Korme, Xandra Lunar, Hannu Huhtamo ou Juan Manuel García serán algúns dos ponentes que se achegarán até o Mosteiro de Santa Catalina no marco deste congreso que xa ten o seu proceso de inscrición aberto.
O prezo para participar na totalidade das actividades (incluído un día en Muras o 4 de xullo) é de 75 euros, incorporando as ceas, unha churrascada e a acampada. Para participar nun só día, o prezo consígnase en 40 euros.
As inscricións son telemáticas, tramitadas pola Asociación de Fotografía de Ferrolterra como entidade organizadora, que pon a disposición das persoas interesadas o correo electrónico afferrolterra@gmail.com e o número de teléfono 698 165 665 para obter máis información.