A CIG reclama a readmisión dunha delegada do SAF de Narón

Eulen alega por su parte que non é apta por cuestións médicas, pero a CIG entende que o motivo real da decisión é súa actividade sindical. O Goberno municipal convocou outra reunión para este xoves día 13, na que estarán todos os partidos políticos da corporación, o comité de empresa e a propia concesionaria.

A CIG-Servizos concentrouse este martes diante das oficinas da empresa Eulen en Narón para reclamar a readmisión dunha traballadora e delegada do comité do SAF á quen a empresa despediu alegando que non é apta para desenvolver o seu traballo por cuestións médicas. Durante a protesta tamén se demandou a intervención do Concello de Narón, como titular do servizo.

Cristina Martínez Padín, da CIG-Servizos de Ferrol, explica que «aínda que a traballadora foi considerada nun primeiro momento apta con limitacións e que a empresa mesmo lle adaptou o posto, transcorrido un tempo mandouna a outro procedemento de revisión e a mutua entón cualificouna como non apta», situación que aproveitou Eulen para despedila de inmediato».

Según explica a CIG resulta chamativo «que a empresa tomara esta decisión co proceso de eleccións sindicais en marcha e cando se sabía que a traballadora afectada formaría parte da candidatura da CIG», e no que a traballadora resultou elixida delegada de persoal no comité do SAF.

Neste contexto, e ante a negativa de Eulen a readmitila, o despedimento foi recorrido en vía xudicial; «A sentenza do Social determina que a compañeira pode traballar e que o despedimento é improcedente, pero deixa a criterio da empresa a decisión de reincorporala ou indemnizala. Por suposto, Eulen optou pola indemnización, condenando a traballadora ao desemprego», denuncia Martínez Padín, quen xa avanzou que a resolución está recorrida ao entender que esta decisión debe recaer na propia traballadora.

A representante da CIG subliña que «a verdadeira razón pola que Eulen despediu a esta compañeira non ten relación coa súa condición médica (pois a outras compañeiras coas mesmas limitacións si que lle adaptou o posto), senón coa actividade sindical que desenvolve«. «A empresa aproveitou esta oportunidade para desfacerse dunha traballadora que lle resultaba molesta polo súa acción sindical e facelo ademais de maneira barata», critica.

A este respecto, indica que até as pasadas eleccións a CIG non tiña representación no SAF de Narón e agora «somos o sindicato maioritario con 5 delegadas das 9 que integran o comité». Este resultado evidencia «as ganas que tiña o persoal do servizo de mudar a súa representación sindical«.

Co obxectivo de resolver a situación, a CIG reuniuse co Concello de Narón e denunciou a actitude da empresa no pleno municipal, mais según denuncia o sindicato «o Goberno eludiu as súas responsabilidades escusándose en que trata dun problema entre unha empresa privada e a traballadora. Pero este atropelo non pasaría se o servizo de axuda no fogar estivera xestionado directamente polo Concello«, asevera Padín.

Reunión o próximo xoves
Coa concentración xa anunciada, o Goberno municipal convocou outra reunión para este xoves día 13, ás 17 horas, na que, segundo comentou, estarán todos os partidos políticos da corporación, o comité de empresa e a propia concesionaria.

Á espera do que poida saír dese encontro, a CIG avanza que levará adiante todas as accións sindicais, xudiciais e institucionais que sexa necesarias para defender os dereitos da traballadora e que sexa reincorporada no seu emprego.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …