Uns 1.200 escolares participaron este venres 7 na décimo sexta edición da Marcha Ciclista Escolar organizada polo Concello.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, desprazouse ata o paseo de Xuvia para acompañar aos participantes nesta edición, entre os que estaba alumnado e profesorado dos colexios Ponte de Xuvia, Jorge Juan, O Feal, o CRA, A Gándara, Santiago Apóstol, Virxe do Mar, Ayala, A Solaina e Piñeiros, acompañados por persoal docente, das ANPAS, e pais e nais a título particular que tamén fixeron o percorrido.
Á convocatoria sumáronse tamén os edís de Deportes, Ibán Santalla; Ensino, Olga Ameneiro, e Seguridade Cidadá e SPEIS, José Oreona.
Sobre as 11:00 horas os escolares chegaban pedaleando ao paseo de Xuvia, divididos en dous grupos, segundo os centros, que se reagruparon no aparcamento do Pazo da Cultura e na glorieta de Freixeiro.
Dende alí chegaron ao paseo de Xuvia, onde os esperaba un refrixerio para recuperar forzas e descansar un pouco da viaxe dende os seus respectivos centros. Alí estaban tamén persoal da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Local e do SPEIS de Narón, con algúns dos vehículos oficiais, aos que tiveron a oportunidade de subirse os escolares que así o quixeron para coñecelos dende dentro.
Unha vez que rematou o descanso, sobre as 12:30 horas, regresaron de novo aos seus colexios subidos ás súas bicicletas.
A alcaldesa, agradeceu “a colaboración dos centros, das ANPAS, das forzas e corpos de Seguridade, do SPEIS, do moto Club Fojeteiros, do club ciclista Clásicos BikeWorks, do Centro Comercial Narón, a Universidade da Coruña, o establecemento Gadis, do persoal voluntario e das familias, en definitiva, de todas esas persoas que un ano máis se implicaron para que esta marcha ciclista que celebramos cada final de curso fose novamente un éxito de participación”.