A localidade de Ares activa as súas engranaxes para a chegada do verán, de gran impacto na vila en termos turísticos, económicos e tamén culturais, tendo en conta a amplia grella de actividades que se poñen en marcha para toda a cidadanía durante os próximos meses.
A concellería de Cultura vén de desvelar a programación do VeraneAres 2024 na que se recollen as actividades municipais, incorporando eventos deportivos e turísticos, mais tamén as iniciativas das asociacións de Ares.
Alma Barrón, edil de Cultura, enfatizou este último aspecto: “a interconexión co tecido asociativo aresán é fundamental na dinamización do municipio por todo o que achegan. Para nós é relevante apoiar ás asociacións o máximo posible e conseguir un programa diversificado, desfrutable por familias, mozos e adultos”.
Decenas de actividades encherán o municipio de vida cunha ampla variedade de formatos: xornadas gastronómicas populares, concertos, regatas e torneos de tenis ou padel, danzas na praia, cine de verán, sesións teatrais, mercado veciñal, presentación literarias…
Novidades: xornda literaria, festa do arroz garrafón e cursos para a mocidade
Poñendo o foco máis aló dos eventos xa consolidados ano tras ano no verán de Ares, a concelleira de Cultura tamén debullou algunhas das novidades deste 2024.
“Teremos programacións para a mocidade con torneos de billar, eSports, futbolín… mais tamén cursos de competencias dixitais na Casa da Xuventude. Tamén seremos sede dun curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela [o 22 e 23 de xullo] e organizaremos, xa neste mes de xuño, unha xornada lúdico-cultural arredor da literatura de proximidade, a I Edición do LiterAres [o 22 de xuño]”, detallou Barrón.
E xunto a todo isto incorpórase unha homenaxe particular: a ‘Festa do Arroz Garrafón’ [25 de xullo] en recordo de Ramón Rey Sánchez, alcumado coma Garrafón e falecido en 1982. Segundo a concelleira de Cultura, “homenaxeamos a este persoeiro singular de Ares, pregoeiro do Radio Cine, para coidar o patrimonio inmaterial da localidade, e é indubidable que as persoas que caracterizaron a nosa vila no pasado tamén forman parte fundamental del”.
A festa actúa como un acto de memoria no que se alude a unha frase que vociferaba Garrafón polas rúas aresáns, “por terra, mar e aire, e por debaixo do auga”, tres elementos que estarán presentes no arroz que se realizará no marco do evento.
Con esta planificación lúdica, cultural e deportiva, accesible ao completo en www.concellodeares.gal tanto veciñanza como visitantes xa poden tomar nota nas súas axendas para gozar dun novo VeraneAres.
Enlace folleto VeranAres 2024