Preto de 200 participantes toman parte na II «As Pontes Ecuestre”

Preto de 200 xinetes e amazonas confirmaron a súa participación na segunda edición de “As Pontes Ecuestre”. A cita reunirá este domingo 9 na contorna do lago a un total de 210 cabalos pertencentes a clubs de toda a xeografía galega, e cunha forte presenza das provincias da Coruña e Lugo.

O Club Hípico Prado Ventura, promotor do evento co apoio do Concello de As Pontes e da Federación Hípica Galega, valorou moi positivamente os rexistros de participación, alentados polo salto de categoría da competición, que nesta segunda edición acollerá probas de carácter autonómico.

A uns días de que se celebre o certame, o director deportivo, Federico Pérez Lago, avanzaba que a organización traballa xa a pé de terreo, habilitando a pista de competición, de 200 m de lonxitude e 35 m de ancho.

A primeira proba do calendario será a do Campionato Galego de Andadura, que arrincará ás 11:00 h, coa participación de 120 cabalos. Unha hora despois prevese o inicio do Concurso de Saltos Territorial, con 60 saídas a pista.

Xa pola tarde, ás 17:00 h, arrincará a proba do Campionato Galego de Enganche, con 12 participantes, así como o torneo triangular de horseball -baloncesto a cabalo-, con partidos de 30 minutos entre equipos de Redondela e Pontevedra.

Ademais, a técnica hípica de Prado Ventura, Noa García, lembra que á tarde o certame convidará a nenos, mozos e persoas adultas a participar nos bautismos hípicos, unha boa forma de achegarse a esta práctica deportiva. Será de 17:00 a 19:00 horas.

O salto de categoría das diferentes probas tamén trae consigo a dotación económica dos trofeos, e repartiranse preto de 3.000 euros na competición. Premios que se entregarán sobre as 19:00 h, pechando o certame.

Por último, tanto dende o Club Hípico Prado Ventura como dende o Concello das Pontes anímase á cidadanía a secundar a cita, e desfrutar do espectáculo que, de seguro, darán xinetes e amazonas.

Horarios estimados de As Pontes Ecuestre:

09:00 horas: Recepción de participantes

11:00-14:30 e de 15:30 a 19:00 horas: Campionato Galego de Andadura

12:00-14:30 e de 15:30 a 17:00 horas: Concurso de Saltos Territorial

17:00-19:00 horas: Campionato Galego de Enganche

17:00-19:00 horas: Torneo triangular Horseball

19:00 horas: Entrega de premios e clausura

Lea también

Unos 200 estudiantes de secundaria participan este viernes en la IV Olimpíada Robótica en Ferrol

 Cerca de 200 estudiantes de ESO de distintos puntos de las provincias de A Coruña …