O alcalde, Alberto González, inaugurará este próximo sábado día 8 ás 11:00 horas o encontro, no pavillón O Longoiro, en Meirás, no que se reeditará os lazos de irmandade coas rendilheiras de Vila do Conde.
Máis de 350 artesás daranse cita este sábado en Valdoviño na V Xuntanza de Palilleiras e Multilabores organizada pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra. Unha cita xa consolidada no calendario local que, edición tras edición, mellora rexistros de participación.
Celebrarase no pavillón municipal O Longoiro, en Meirás, coa apertura de portas ás 10:30 horas, a inauguración por parte do alcalde, Alberto González, sobre as 11:00 horas, e a intención de renovar os lazos de irmandade coas rendilheiras de Vila do Conde. Así, a xuntanza volverá contar coa Asociación Rancho da Praca, unha das entidades con maior tradición en Europa, que amosará o seu traballo e exporá unha selección dalgunhas das súas labores, ademais de desplegar un punto de información turística.
No encontro tomarán parte palilleiras chegadas de toda a xeografía galega, ademais doutros puntos de España como Asturias e Castela e León, procedentes dunhas 45 asociacións. Amosarán as súas técnicas en directo, e xunto a elas, acudirán á cita uns 20 postos de venda de materiais vencellados ás labores.
Así mesmo, a xuntanza volverá converterse nun inmellorable escaparate dos recursos turísticos do municipio, e nesta liña, Concello e asociación tamén volverán colaborar na divulgación dos mesmos.
Deste xeito, poñerán a disposición do público un autocar con 70 prazas para participar nun percorrido guiado pola franxa litoral de Meirás e Pantín. Partirá do pavillón sobre as 11:00 horas, e as persoas interesadas en participar na saída, gratuíta, deberán inscribirse previamente no polideportivo dende o inicio da xuntanza. O encontro celebrarase durante toda a xornada e, tras un parón para o xantar, sobre as 14:00 horas, retomarase a partir das 16:00 horas.