O Concello de Narón abrirá este luns ás 8.30 horas o prazo de inscrición nun curso de Peixería, do Programa Municipal de Formación e cofinanciado pola Unión Europea. Así o avanzou a concelleira de Formación, Natalia Hermida, que indicou que a convocatoria oferta un total de quince prazas que poderán solicitarse ata o vindeiro 7 de xuño ás 13.00 horas.
O curso diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, aínda que tamén poderán inscribirse persoas doutros concellos que accederán ao mesmo no caso de que non se cubran todas as vacantes con persoas de Narón. Esta acción formativa, tal e como recordou Hermida, consta dun total de 415 horas que se impartirán no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e nas instalacións das empresas colaboradoras nas prácticas, do 17 de xuño ao 10 de outubro.
O horario previsto nas citadas instalacións é de 9:00 a 14:00 de luns a venres entre o 17 de xuño e o 14 de agosto. A realización da formación en obradoiros en empresas e prácticas en empresas levarase a cabo do 19 de agosto ao 3 de outubro e será 6 horas ao día no horario que se determine.
O alumnado abordará contidos como o coñecemento e diferenciación de peixes e mariscos; a súa recepción, almacenamento e conservación; tratamento e preparación (desespiñado, fileteado, corte e presentación); tratamento de despoxos; atención ao público; prevención de riscos laborais específicos do sector; hixiene alimentaria para manipulación de alimentos…
As solicitudes poden presentarse no Rexistro Xeral do Concello, a través da Sede Electrónica do Concello ou polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no Rexistro e o listado provisional das persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello. O alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión para confirmar a praza. A listaxe definitiva publicarase tamén na Sede Electrónica.
Este curso do Programa Municipal de Formación enmárcase no proxecto Peixeando co emprego, que conta coa colaboración da Consellería do Mar e do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte, e ten como obxectivo principal formar ao alumnado para traballar no sector de cara á comercialización dos produtos pesqueiros co fin de incrementar a empregabilidade nesta área.
As persoas que desexen recibir máis información, poden obtela na sección de Servizos, Formación e Actividades Municipais da páxina web do Concello, na Sede Electrónica de Narón ou contactar co Servizo Sociocomunitario, tfno. 981 337 700, extensións 1108 e 1109.