Baixo o patrocinio da Deputación da Coruña, dentro do ciclo Xuntanzas Naturalistas, a delegación de Ferrol da SGHN presenta unha conferencia sobre herpetofauna a cargo de Martiño Cabana que terá lugar ás 19:30 horas do venres 31 de maio, no salón de actos do Museo de Historia Natural en Canido (Ferrol).
Co título «Conservación da herpetofauna galega ameazada», na súa ponencia falará sobre diferentes aspectos do estado de conservación dos anfibios e réptiles de Galicia, do Catálogo Galego de Especies Ameazadas e sobre a proposta da súa modificación, así como dalgunhas novidades na distribución de certas especies escasas de hérpetos galegos e de novas incorporacións á fauna galega.
Martiño Cabana é biólogo especializado en distribución e conservación de anfibios, réptiles e libélulas. Coordina diversos atlas de distribución destes taxóns a nivel galego, estatal e ibérico. É biólogo da Asociación Galega de Custodia do Territorio, onde coordina diversos proxectos de conservación de flora e fauna.