Cerdido celebra o Día das Letras Galegas cun acto especial na Área Recreativa O Castro

Durante o evento entregarase o premio do XXIII Concurso de Contos ‘Manuel Otero Pazos’.

O Concello de Cerdido acolle un acto especial con motivo do Día das Letras Galegas este venres, 17 de maio, a partir das 19:00 horas.

A Área Recreativa O Castro será o escenario do evento no que o poeta cerdidense José Luís Graña presentará o seu novo poemario, baixo o título ‘Verso Plural’. O acto estará amenizado polo acompañamento musical de José Manuel Espiñeira. O evento contará coas intervencións do alcalde, Alberto Rey; a concelleira de Cultura, artista plástica e poeta, Amalia Díaz; e a colaboración especial do activista cultural, Santiago Rodríguez.

A figura de Luísa Villalta será homenaxeada a través das palabras dos interventores, destacando a importancia da creación en galego no coidado e o mantemento da lingua galega.

Rey salientou “a importancia que teñen este tipo de actos para darlle á nosa lingua o lugar que merece e manter viva a cultura e identidade propias de todos os galegos e galegas.”

Pola súa banda, a delegada de Cultura Amalia Díaz, destacou que “é un pracer poder homenaxear as nosas letras xunto a un veciño de Cerdido, amosando o apoio do Concello ao talento local”.

Entrega do premio da categoría de adultos do XXIII Concurso de Contos‘Manuel Otero Pazos’

O acto acollerá ademais a entrega do premio do XXIII Concurso de Contos ‘Manuel Otero Pazos’ á gañadora na categoría de adultos. O Concello fixo pública a acta de gañadores deste concurso, celebrado o pasado mes de abril con motivo do Día do Libro, no que se outorga o primeiro premio a Belén Amparo Breijo Sardiña polo seu conto ‘A Semana Santa perdida e os comezos de ‘Don Manolo’.

Lea también

As Pontes premia a creatividade culinaria dos mellores sabores a base de cogomelos

O programa “As Pontes, Terra de Cogomelos” é unha aposta do Concello das Pontes polo …