Fene inicia na avenida de Tarrío o acondicionamento de beirarrúas

O uso de formigón impreso, que está a aplicar o persoal municipal, aumenta a durabilidade dos amaños realizados.

O Concello de Fene vén de poñer en marcha o Plan de acondicionamento de Beirarrúas, que ten por obxectivo amañar as beirarrúas aplicando unha solución duradeira. Os primeiros traballos estanse a desenvolver na avenida de Tarrío, onde se sitúan o Centro de Saúde, varios centros escolares e diversos establecementos de hostalería e comerciais.

Ao abeiro deste Plan, o persoal dos departamentos de Obras e Servizos están a empregar a técnica do formigo impreso, consistente na aplicación dun revestimento de formigón coloreado sobre unha superficie previamente preparada.

Posteriormente, estámpanse moldes con deseños específicos antes de que complete o secado, conseguindo unhas texturas que imitan materiais como lastras, ladrillos ou pedra natural, que ao secar, quedan adheridos á superficie.

“Hai catro meses fixemos probas da aplicación desta técnica en diversos puntos do concello, que nos serviron tanto para optimizar o proceso de aplicación como para avaliar a súa resistencia ao paso do tempo”, apuntou a concelleira de Servizos, Sandra Permuy. “Á vista dos bos resultados conseguidos, iniciamos agora este Plan de Acondicionamento de Beirarrúas que irá chegando ás diferentes parroquias de maneira progresiva”, adiantou a concelleira.

Permuy destaca que esta solución “soporta tanto as inclemencias meteorolóxicas como o paso de tráfico pesado, resistindo mellor o desgaste co paso do tempo e mantendo a súa aparencia e calidade ao longo dos anos”. “Todo isto incide directamente nun importante aforro económico a medio e longo prazo, mellorando a xestión dos recursos municipais”, concluíu.

Lea también

Primeros ganadores de la campaña “En Valdoviño… adelantamos la Navidad”

La campaña de dinamización del comercio local «En Valdoviño… adelantamos la Navidad» ya tiene sus …