A veciña de Narón Gabriela Berini presenta este venres, día 22, na planta soto da Biblioteca municipal da cidade o seu primeiro poemario, Poesía para el camino.
Así o avanzou a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, que explicou que a convocatoria será ás 18:30 horas. No acto estará tamén presente Blanca Rodríguez, tradutora literaria, autora de literatura infantil e de xénero fantástico e coordinadora dos clubes de lectura da Biblioteca de Narón.
O libro de Gabriela Berini publicouno o pasado ano a Editorial Talón de Aquiles e descríbese como “a folla de ruta dun traxecto que aínda non rematou, intentando atopar nas palabras un compás que dera sentido aos camiños da vida, que non son o que se espera deles, senón o que cada quen precisa”.
A súa autora é tradutora e correctora de textos e tamén incursionista na escrita de relatos, novelas de ficción e poesía. Decidiuse a publicar algunhas das súas poesías máis persoais, que ela mesma define como “froito da catarse” do seu proceso de terapia psicolóxica.
O acto está aberto á participación da cidadanía en xeral, ata completar o aforo dispoñible da sala. As persoas que acudan poderán adquirir exemplares da obra ao rematar o acto.