O BNG de Ferrol advirte que a cidade superará o 1º trimestre sen orzamentos

Iván Rivas advertiu este mércores 28 que «o concello de Ferrol superará o 1º trimestre do ano cos orzamentos prorrogados, un feito que supón un importante problema para a xestión dos recursos públicos e a prestación dos servizos municipais»

O portavoz nacionalista chamou a atención respecto do feito de «que contar cuns orzamentos prorrogados limita a capacidade de desenvolver investimentos por parte da administración local e máis aínda se temos en conta que o goberno do PP aprobou uns orzamentos para o ano 2023 cunha redución dos recursos económicos destinados a investimentos de máis do 50% respecto dos anteriores orzamentos aprobados e que no momento da súa aprobación se xustificaba argumentando que eran uns orzamentos de transición»

Rivas, quixo lembrar que era «o mesmo Alcalde da cidade quen advertía da anomalía que supoñía non contar cuns orzamentos municipais en cada anualidade e das graves consecuencias de non facelo»

«O certo é que a estas alturas de ano non estamos só pendentes da ratificación plenaria do documento orzamentario que permita a súa entrada en vigor, senón que aínda non se ten presentado nin o borrador deste nin se ten iniciado o debate co resto de grupos municipais. Este feito fai que Ferrol sexa xunto con Ourense a única cidade na que aínda non se teñen abordado os orzamentos para este ano 2024»

O portavoz nacionalista advertíu que «a prórroga dos orzamentos de 2023 supuxo un redución dos recursos destinados ao gasto municipal de 9,8M de euros, pasando dos 78,86M consignados en 2023 aos 69,04M do documento prorrogado e vixente en 2024.»

«A este feito engádese os datos que acompañan á liquidación do orzamento do ano 2023 e que o Alcalde da cidade decidiu aprobar en Xunta de Goberno.»

«Este documento certifica a política da austeridade do PP que executou escasamente o 32,82% dos investimentos previstos para 2023 e só o 66,63% do orzamentos de gastos para o ano 2023, tendo en conta que aí se inclúen as nóminas dos funcionarios«

«É dicir, estamos diante da aplicación máis severa da política de austeridade promovendo a redución do gasto publico por dúas vías. Por unha parte ao non contar con orzamentos para este ano 2024 e por outra non executando as partidas consignadas nos orzamentos do ano 2023. agora prorrogado.»

«A isto hai que engadir a política de anuncios sen sustento económico que o PP está a desenvolver de maneira recorrente e así carecemos de orzamentos para 2024 ao mesmo tempo que se anuncian investimentos de 14M de euros para a cidade do deporte ou 11M para Abrir Ferrol ao mar, dos que o 50% corresponden ao concello.»

Por estes motivos o portavoz nacionalista exixiu ao Alcalde da cidade que «abandone a política de propaganda e que se poña a traballar na elaboración e presentación duns orzamentos de maneira inmediata para este ano 2024 de modo que cando menos durante o 2º trimestre poidamos acometer e dar solución a moitas das necesidades que ten a cidade»

Lea también

O Campus Industrial de Ferrol acolle o Campamento Tecnolóxico de Verán “Volemos!”

O Campus Industrial de Ferrol acolle, ao longo última semana do mes de xuño, o …