O pleno fenés aproba as actuacións propostas polo Goberno municipal con cargo ó POS+

O pleno do Concello de Fene vén de aprobar os proxectos propostos polo Goberno municipal para executar con cargo ao Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña. Trátase dunha contribución económica que ascende a 519.627,96 €, que se distribúen en 252.069,73 € correspondentes á Achega 2024; 195.503,59 € da Achega 2023; e finalmente, 72.027,64 € do chamado POS Social.

Os grupos que conforman o Goberno local, BNG e Esquerda Unida, sumaron o apoio do PSOE e PP no pleno para sacar adiante a súa proposta. Coa súa aprobación en pleno, o Concello de Fene dedicará toda a Achega 2024 do POS (252.096,73 €) ao financiamento do gasto corrente municipal, isto é, aos consumos e subministracións necesarias para o funcionamento dos diferentes servizos que presta o Concello.

Desta maneira, ese mesmo importe pode liberarse do Orzamento municipal para poder realizar outras actuacións dunha maneira máis áxil, ao simplificarse a súa tramitación administrativa. No concreto, con este financiamento levaranse a cabo tres obras orientadas á mellora da rede de saneamento municipal: o Camiño Arriba, en Sillobre; o Camiño da Fonte, en Limodre; e o Camiño do Conde, en Maniños.

Por outra banda, o total da Achega 2023, que ascende a 195.503,59€ vai ser investido no aglomerado de Buios, unha actuación que se completa con fondos propios até os 229.173,56 €
totais do proxecto a executar.

“Coa aprobación destes proxectos, seguimos avanzando no compromiso de mellorar a rede de saneamento e o aglomerado de camiños municipais en diferentes parroquias”, avanzou o alcalde de Fene, Juventino Trigo. Pola súa banda, o concelleiro de obras fixo referencia a que “só no 2023 o Concello de Fene destinou máis dun millón de euros do POS á mellora de camiños e da rede de abastecemento municipal”.

Acordo para os vindeiros anos BNG, EU e PSOE tamén chegaron a un acordo sobre as actuacións que o Concello de Fene proporá para financiar con cargo ao orzamento achegado pola Deputación da Coruña a través das diferentes convocatorias do Plan Único dos vindeiros anos, ao coincidir os tres grupos na análise das necesidades do Concello de Fene en materia de obras.

O rexedor fenés agradeceu “a xenerosidade do resto de grupos para garantir unha maioría no pleno que permita sacar adiante actuacións imprescindíbeis para a mellora da vida cotiá da nosa veciñanza”

Lea también

Valdoviño crea una bolsa de empleo para la contratación de personal técnico de igualdad

El Ayuntamiento de Valdoviño creará una bolsa de empleo para la contratación de personal técnico …