Alumnos canadienses e do Campus de Ferrol analizan o caso de éxito da empresa de moda elPulpo

De dereita a esquerda, os profesores da UDC, David Olegario Peón Pose, Cristina Anido Martínez e Manuel Escourido Calvo,

Un total de 54 estudantes do segundo curso do grao en Xestión Industrial da Moda, titulación multilingüe que se imparte desde o curso 2018/19 na Facultade de Humanidades e Documentación, están a realizar, no marco da materia de Xestión Contable e Financieira na Empresa de Moda e na de Marketing e Investigación de Mercados de Moda, un estudo de caso real centrado na empresa de moda galega elPulpo.

Desde hai pouco máis dunha semana, o alumnado do Campus Industrial de Ferrol está a traballar man a man con outros 89 estudantes da Toronto Metropolitan University de Canadá baixo a titorización dos profesores da Universidade da Coruña David Olegario Peón Pose, Cristina Anido Martínez e Manuel Escourido Calvo. Esta actividade formativa enmárcase dentro do Proxecto COIL (Collaborative Online International Learning), unha metodoloxía docente baseada na colaboración entre dúas universidades de distintos países na que participa activamente tanto o profesorado como o alumnado e na que se bota man da tecnoloxía e da interacción en liña.

Ao longo das próximas seis semanas, o alumnado do grao en Xestión Industrial da Moda da Universidade da Coruña terá que presentarlle ao estudantado do grao en Global Management Studies da Toronto Metropolitan University unha análise financieira da empresa elPulpo no marco do sector téxtil español co obxectivo de elaborar, de xeito conxunto, un plan estratéxico que puidese permitir ou facilitar a entrada da empresa galega no mercado da moda canadiense.

As reunións de traballo realizaranse a través da plataforma Zoom e nelas está previsto que participe a Global Sales Management da empresa galega elPulpo, Mónica Morán. Aposta polo talento e a sustentabilidade

Tal e como indican desde elPulpo, o 90% das súas prendas son o resultado dun proceso deprodución baseado na sustentabilidade e na responsabilidade ambiental, elaborando os produtos insignia da marca con materiais de orixe orgánico. Deste xeito, a empresa de moda galega aposta pola eliminación do uso de plásticos nos seus elementos de packaging, elixe para as súas prendas algodón certificado e orgánico case na súa totalidade, aposta pola fabricación en talleres de proximidade, bota man de fío e tecidos reciclados e incorpora elementos naturais na súas prendas, tales como vexetación autóctona ou mobiliario elaborado con madeira de batea reciclada.

Lea también

El Plan de Barrios de Ferrol ejecuta más de 10 actuaciones en Viladóniga-Vilasanche

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acompañado del concejal de Servicios, José Tomé, …