Trátase dunha ferramenta virtual pioneira que demostra a importancia das profesionais para o sector, no que ocupan o 42 % dos empregos.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou este sábado na asemblea xeral da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca) o “Mapa das mulleres da pesca na provincia da Coruña”.
Durante o evento, no que participou xunto á ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, Formoso asegurou que o estudo, sobre todo, “evidencia a evolución do papel da muller tamén no mar”. Lembrou tamén que logo de que “un presidente galego como foi Rajoy se negara sempre a recoñecer un coeficiente redutor que permitira ás mulleres do mar xubilarse tres anos antes”, outro presidente “que non é galego, Pedro Sánchez, foi quen de recoñecer ese duro traballo e aprobar ese coeficiante, do que se van beneficiar 4.800 mulleres en Galicia”.
O presidente provincial asegurou, nese senso, que “hai dúas maneiras de entender a política: publicar axudas nun boletín oficial, e se che valen, ben, e outra é sentarse co sector a deseñar esas axudas para que sexan prácticas e resolvan os problemas puntuais das familias”. “A Deputación non ten competencias en materia de pesca. Tenas a Consellería do Mar. Aínda así, fomos quen de sacar unha liña de axudas para o sector do cerco, que o estaba a pasar especialmente mal”, recordou, e insistiu que “a Administración debe estar ao servizo da xente, e non a xente ao servizo da Administración”.
A ministra Elma Saiz expresou na súa intervención a “admiración” polas mulleres do mar e trasladoulles o apoio do Goberno nos seus desafíos e reivindicacións. Os obxectivos, dixo, son traballar por mellorar as condicións laborais, enfrontar o relevo xeracional, mellorar a saúde laboral, integrar ás mulleres do mar nos espazos de decisión ou superar as situacións que xera a brecha de xénero. “Imos atender as vosas reivindicacións”, aseguroulles ás asociadas de Anmupesca.
Ao igual que Formoso, reivindicou como unha gran conquista lexislar para que profesións do mar altamente feminizadas obtiveran tamén o beneficio dun coeficiente redutor para adiantar a idade de xubilación, unha medida “de xustiza”, debido ás condicións nas que se desenvolven eses traballos. Lembrou tamén que, dende o ano pasado, 250 mariscadoras, principalmente, puideron adiantar o momento de comezar a cobrar a súa pensión.
Pola súa banda, a presidenta de Anmupesca, Rita Míguez, quixo poñer en valor o mapa como “unha iniciativa pioneira” pola que a asociación levaba loitando dende a súa constitución no ano 2016 “e que soubo recoller o presidente da Deputación como unha necesidade imperiosa”.
O “Mapa das mulleres da pesca na provincia da Coruña” ofrece unha completa visión cuantitativa e cualitativa da presenza feminina nos diferentes ámbitos do sector, ademais de visibilizar a importancia do seu papel na cadea de valor da pesca. Os datos preséntanse en capas correspondentes a tres eidos: sector primario, industria da transformación e comercialización. A elas únense outra específica para o colectivo das redeiras e unha na que se recollen as asociacións de mulleres do mar.
Os principais obxectivos do estudo son dimensionar os colectivos profesionais, poñer en contexto o decisivo papel da muller na cadea de valor (pesca, transformación e comercialización dos produtos), visibilizar a presenza das mulleres no mar e coñecer a súa realidade como primeiro paso para poñer en práctica politicas públicas de promoción da igualdade no sector. Algunhas das conclusións que se extraen do traballo son que as mulleres constitúen unha parte fundamental da cadea de valor e a considerable segregación ocupacional por sexo que existe no sector pesqueiro.
O mapa está acompañado dun exhaustivo informe que presenta de xeito ordenado os datos extraídos do traballo de campo. Esa información abarca a máis de 6.380 mulleres que desenvolven o seu labor dentro da cadea de valor da pesca, polo que ambos formatos constitúen unha ferramenta útil de consulta para concellos, confrarías, asociacións de mulleres do mar, grupos de acción local do sector pesqueiro e medios de comunicación, entre outros.
O colectivo de mulleres do mar máis numeroso atópase na industria conserveira, con 3.205 traballadoras, o que representa o 66,7 % dos empregos. A maior parte concéntranse na zona do Barbanza, especialmente nos concellos de Ribeira, Boiro e A Pobra do Caramiñal. O seguinte grupo é o do marisqueo a pé, con 809 mulleres (65,6 % do total do sector), mentres que as peixeiras son 445 (69,4 %).
O das redeiras, das que a metade de toda España se atopan na provincia coruñesa, é o ámbito máis feminizado de todos, xa que as 197 mulleres que se dedican á elaboración e reparación de redes representan o 94,2 % do total de profesionais, mentres que na provincia unicamente hai 19 percebeiras a pé (21 %) e 22 dende embarcación (14,8 %).
A análise dos datos permite descender a detalles como o peso das empresarias nas confrarías, con presenza destacada, por enriba do dobre da media, en municipios como O Barqueiro (33, 3 %), Miño (20 %), Camariñas (18,8 %) e Ferrol (18 %).
O desenvolvemento do “Mapa das mulleres da pesca na provincia da Coruña” enmárcase dentro dunha serie de actuacións de apoio ao colectivo das mulleres do mar que a Deputación está a desenvolver na actualidade. Froito dos acordos con Anmupesca, o organismo provincial entregou 300 botiquíns e mochilas a traballadoras do mar pertencentes a distintas asociacións, co fin de mellorar unhas condicións de traballo que moitas veces se realizan en circunstancias precarias e non exentas de riscos.
De cara a este 2024, a Deputación está traballando nun convenio coa entidade para pór en marcha actividades de formación, boas prácticas e intercambio de coñecementos e experiencias, así como a realización dun foro das profesións do mar desempeñadas por mulleres.
Ligazón ao mapa:
https://www.google.com/maps/d/u/1/viewer?mid=1smJ1G9bDiABnMW8hhL2LwGS6QnpBj2E&%3Bll=43.085437322643145%2C-8.841761108266656&%3Bz=7&ll=43.085437322643145%2C-8.841761108266656&z=7
Ligazón ao informe:
https://www.dacoruna.gal/files/6217/0307/3580/InformeMapaMulleresDoMarDEFINITIVO.pdf