O Bloque Nacionalista Galego desenvolveu na mañá deste venres, día 2,un reparto informativo nas portas do ambulatorio Fontenla Maristany de Ferrol para dar a coñecer as súas propostas de mellora da sanidade publica que pasan aplicar un plan de rescate da atención primaria e facer unha chamada à cidadanía a apoiar a manifestación que o vindeiro domingo convoca SOS sanidade püblica de Galiza.
Mon Fernández, candidato comarcal do BNG, explicou que o BNG ten previsto desenvolver desde o goberno da Xunta un plano de rescate da atención primaria. O BNG quere poñer o énfase na mellora da atención primaria por tratarse da porta de entrada dos usuarios e usuarias ao sistema sanitario e defendeu que o mesmo ten que contar con equipos multidisciplinares aumentando o número de profesionais que se incorporen a atención primaria, de diferente disciplinas como poden ser de psicoloxía clínica, terapia ocupacional, logopedia, ópticos optometristas, podoloxia. nutricón etc.
Asi mesmo desde o BNG sinalou que «consideramos prioritario impulsar un plan de redución das listas de espera acompañado dun plan de ordenación dos recursos humanos, un plan de atención integral a suade das mulleres e un plan galego de saúde mental que se unirían ao plan especifico para a atención primaria».
Iván Rivas, portavoz do BNG en Ferrol, sinalou que a sanidade pública está condicionada por dous factores. Por unha parte a falla de recursos para a súa financiación e que depende nun 95 % das transferencias do Estado derivadas do sistema de financiamento das Comunidades Autónomas. Por outra, a xestión destes recursos por parte dun PP que orientou a súa política sanitaria cara a privatización e precarización dos servizos e infraestruturas púbicas.
Urxe por tanto, segundo o portavoz nacionalista, un goberno galego que deixe de actuar como comercial das concesionarias privadas e que asuma a necesidade de incrementar os recursos tanto estatais como autonómicos para a financiación dunha sanidade pública que precisa máis persoal, renovación das súas infraestruturas e dotación de servizos en ámbitos hoxe abandonados como a zona rural da nosa cidade e comarca.