A Universidade da Coruña, a través do Proxecto Europeo Erasmus+ Forward Looking at the Offshore Renewable Energies (FLORES), e a empresa CT Ingenieros veñen de relanzar o MOOC “Construción Naval e Industria 4.0”
Unha formación teórico-práctica de 20 horas de duración que poderá seguirse, de xeito totalmente gratuíto, entre o 19 de febreiro e o 18 de marzo, a través da Plataforma UDC Aberta
Ao longo de catro semanas, o alumnado inscrito no curso masivo “Construción Naval e Industria 4.0” afondará nos principais conceptos da industria 4.0 desde a perspectiva da súa aplicación á construción naval.
Deste xeito, analizará máis polo miúdo a súa aplicación ao sector de tecnoloxías como a Internet das Cousas (IoT), o Big Data, o Data Analytics ou Data Mining, os sistemas de Realidade Aumentada ou Realidade Mixta, a fabricación aditiva ou impresión 3D, a ciberseguridade, os robots colaborativos ou mesmo a simulación.
As persoas interesadas en participar no MOOC “Construción Naval e Industria 4.0” terán que formalizar, de xeito totalmente gratuíto, a súa inscrición a través da plataforma de educación en aberto da Universidade da Coruña.
Esta actividade formativa está dirixida ao alumnado de bacharelato de rama tecnolóxica, de ciclos de Formación Profesional, de titulacións universitarias vinculadas ao eido da enxeñaría e a profesionais do sector.
Para obter o correspondente certificado de aproveitamento cómpre realizar todas as actividades prácticas propostas ao longo do curso. A maiores, o estudantado de calquera titulación de grao de Universidade da Coruña que queira optar ao recoñecemento de créditos ECTS debe solicitar, en tempo e forma, un certificado oficial dirixíndose ao Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE).
Máis información chamando ao 881 01 3863 ou ben enviando un correo electrónico a maria.lopez.morado@udc.es
Inscrición MOOC “Construción Naval e Industria 4.0” https://udcaberta.udc.gal/login/index.php
FLORES, un proxecto europeo de innovación educativa liderado desde o Campus Industrial de Ferrol Impulsar a capacitación no sector das enerxías renovables offshore promovendo formacións específicas, contribuíndo ao desenvolvemento de carreiras neste ámbito profesional e facilitando a creación dun observatorio de oferta e demanda de capacidades.
Este é o principal obxectivo do proxecto europeo Erasmus+ Forward Looking at the Offshore Renewable Energies (FLORES) que coordina o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellaría do Mar, e no que colaboran a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME) e un total de 10 profesores e investigadores así como persoal técnico de apoio do Campus Industrial de Ferrol, pertencente á Universidade da Coruña
O proxecto europeo Erasmus+ FLORES está financiado pola Unión Europea a través da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura (Eacea) e conta cun orzamento de 700.000 euros. Pola súa banda, a Universidade da Coruña dispón de máis de 76.000 euros para mellorar ao oferta con accións de formación continua innovadoras tanto para profesionais das enerxías renovables mariñas como de calquera outro sector.
Do mesmo xeito, no prazo de dous anos, terá que liderar a promoción de carreiras neste ámbito e achegará á sociedade, especialmente ao alumnado dos colexios e institutos galegos, ás enerxías renovables mariñas cunha clara perspectiva de xénero.
Deste xeito, o proxecto europeo Erasmus+ FLORES está a desenvolver xa accións piloto a nivel rexional para adaptar os materiais formativos á realidade das diferentes concas marítimas europeas no Atlántico, no Báltico e no Mediterráneo.
Tamén está prevista unha análise estratéxica das capacidades, abarcando non só a situación actual deste ecosistema industrial senón tamén as perspectivas de futuro, especialmente en relación coas tecnoloxías emerxentes, ao tempo que se actualizarán os perfís ocupacionais da cadea de valor da enerxía renovable mariña contribuíndo á actualización permanente da base de datos de Habilidades, Competencias, Cualificacións e Ocupacións Europeas (ESCO).
Por último, cómpre sinalar que o proxecto europeo Erasmus+ FLORES vén de crear o portal europeo oreskills.eu, un espazo virtual no que promociona os seus materiais de formación, o observatorio e o centro de coñecementos das enerxías renovables mariñas.
Un comentario
Pingback: Noticias sobre el sector naval en Galicia. 29 01 2024 - Delegación del COIN en Galicia -