O inventario de vías do termo municipal, aprobado inicialmente no pleno de finais de novembro e estando a exposición pública ata o 24 de xaneiro, pode consultarse a través do xeoportal do Concello de Narón, na web de Narón, no enlace:
https://naron.maps.arcgis.com/home/index.html
O concelleiro de Patrimonio, José Oreona, destacou a posta en marcha desta ferramenta “unha aplicación pública, de moi fácil manexo e que permite á cidadanía consultar o inventario de vías actualizado a través dun visor público que ofrece múltiples opcións de consulta e no que a maiores se inclúe un vídeo manual de uso do visor”.
No documento pódense localizar as vías que forman parte do inventario municipal no mesmo estado no que se atopan actualmente, de alta, de baixa ou en procedemento de investigación. Así mesmo, ofrécese a posibilidade de consultar as parcelas catastrais ou os límites parroquiais do termo municipal.
Deste xeito, a través dunha galería de imaxes o usuario pode ir cambiando o mapa segundo as súas necesidades de búsqueda e o elemento que queiramos atopar, tal e como apuntou o edil naronés. No momento de realizar as consultas pódese acceder tamén a un buscador que permite buscar polo nome da vía ou tamén a través dunha referencia catastral, accedendo directamente a toda a información do catastro e podendo incluso descargar esa información.
O xeoportal inclúe a maiores accesos á oficina virtual do Catastro, ao visor de Urbanismo da Xunta, o Instituto de Estudos do Territorio, o Instituto Galego de Estatística, o Catálogo de Servizos da Xunta, a datos abertos da Xunta, ao Centro de Descargas do Centro Nacional de Información Xeográfica e á web da Enquisa sobre infraestruturas e equipamentos locais da Deputación da Coruña.
O concelleiro de Patrimonio destacou o traballo realizado para poder poñer en marcha este servizo, a disposición da cidadanía en xeral, incidindo na “importancia dispoñer dun servizo que nos permitirá xestionar a conservación e promoción do noso patrimonio, neste caso cultural, e sirva tamén como servizo oficial para uso da cidadanía”.