O concelleiro de Deportes, Ricardo Aldrey, presentou acompañado do presidente da Federación Galega de Karate, Óscar Lafuente, a I Xornada da Liga Galega de Karate, que terá lugar este sábado 23 no pavillón municipal da Malata.
Unha competición organizada pola Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas e na que colabora, entre outras administracións e empresas, o Concello de Ferrol.
“Ferrol converterase por un día na capital galega de karate grazas a esta competición na que se darán cita 535 karatekas, 156 de Ferrolterra”, asegurou o edil.
En total participan 32 clubes de toda Galicia, e entre os clubes da nosa comarca que acoden a esta cita están Grupo Bazán, Bunkai, Renbukan, Escola de kárate a Gándara, Escola de Kárata Franza, Artes Marciais Fene, Escola Superior Kárate de Narón e Benigym Narón. Ferrol é dende hai anos un referente no mundo do karate
Aldrey sinalou que se trata dunha competición oficial, recollida no calendario deportivo da Federación Galega de Karate, que se desenvolve en diferentes xornadas.
“O obxectivo é promocionar aos deportistas de base, e aumentar o número de deportistas que practiquen esta disciplina”.
As categorías en competición son: pre-benxamín (ata os cinco anos); benxamín (seis a sete anos), alevín (oito e nove anos), infantil (10 e 11 anos), xuvenil (12 e 13 anos) e cadete (14 e 15 anos). E dúas serán as modalidade Kata (formas) e kumite (combate).