O Concello de Ferrol, a través da concellería de Marca Ferrol, colabora na organización, xunto coa axencia Rum Rum e a Xunta de Galicia, de Ilustración-Arte, un festival onde as distintas disciplinas artísticas convértense en protagonistas dos espazos emblemáticos do Ferrol da Ilustración.
Trátase de promover o interese pola cultura das artes centradas no noso patrimonio arquitéctónico do século XVIII e da nosa historia, ao tempo que aporta o seu grao de área para seguir sumando apoios para conquerir que a cidade sexa declarada Patrimonio Mundial da Unesco.
Este evento lúdico cultural, dirixido a todos os públicos, celebrarase no barrio da Magdalena, no Museo Naval, en Exponav, no porto de Curuxeiras, no castelo de San Felipe, nas prazas de Amboaxe e Armas… que se convertirán nos escenarios para os espectáculos musicais, de danza, teatro, pintura, audiovisuais, performance… en formatos pequenos e medianos.
As actividades comezarán o venres 8, no patio interior do centro cultural Torrente Ballester, ás 19:00 horas co espectáculo de Iria Estévez De Amalia A Chavela, unha viaxe atlántica coas músicas de Chavela Vargas (Costa Rica) e Amalia Rodríguez (Portugal).
O sábado 9 no Cuartel de Instrucción Militar e na Cortina, no arsenal de Ferrol, a partir das 09:00 horas, masterclass de fotografía pictórica de grupos inspirada en cadros clásicos impartida polo fotógrafo Edu Pereira, ten un custe de 60 euros e un aforo de 30 prazas.
Ás 12:30 horas na Sala Cureñas no castelo de San Felipe, haberá un pincho ilustrado con Daniel López (O Camiño do Inglés) e unha hora máis tarde, concerto de Catuxa Salom para 77 persoas. E pola tarde, a partir das 17:00 horas, realizarase un percorrido fotográfico guiado polo Palacio de Capitanía e o Museo da Construcción Naval cun grupo de ata 20 afeccionados.
O domingo 10 no Centro Cultural Torrente Ballester a partir das 12:00 horas Ilustración-Arte pintura con Blanca Escrigas e Fer Patiño pintando o seu Ferrol da Ilustración. A danza contemporánea virá da man de Cristina Montero na sala exposicións e no patio interior a partir das 12:45 horas e o teatro con Desiré Pillado y Bea García coa súa peza Estupidez Artificial, na que tratarán en clave cómica a onde nos está a levar a intelixencia artificial e como nos afecta nas nosas vidas. O aforo é libre en ambos espectáculos.
A partir deste mércores pola tarde, pódense reservar as entradas na web oficial do festival www.ilustracionarte.com, a través da plataforma Woutick. Ao reservar as entradas, a plataforma de venda fará un cargo de cinco euros por entrada, en concepto de fianza. O importe devolverase ao asistir ao concerto.