Intensa actividade do CLIA de Moeche arredor do Día Internacional da Infancia

O Consello Local da Infancia e a Adolescencia de Moeche ten cuberta durante este mes de novembro e parte de decembro unha intensa e apretada axenda de actividades, centradas por unha banda na asistencia a distintos foros para compartir coñecemento e experiencia e, por outra, na participación dos encontros programados con motivo do 20 de novembro, Día Internacional da Infancia.

Os máis inminente é este sábado 18 e domingo 19 coa xuntanza no Carballiño de todos os consellos locais galegos para preparar o terceiro manifesto contra a violencia que se presentará o día 28 no Parlamento de Galicia.

O luns 20, xornada sinalada pola UNICEF para reivindicar os dereitos da rapazada, a Casa do Concello acollerá ás 12:30h un pleno infantil ao que están convocados os dous grupos con representación municipal e toda a comunidade educativa do CEIP San Ramón.

O labor do CLIA de Moeche é un non parar durante todo o ano, e máis aínda neste mes de novembro en que se multiplican as accións de difusión arredor dos dereitos dos nenos e da mocidade. De feito, a semana pasada o consello estivo en Segovia representado por Emily Méndez no I Encontro estatal de foros e consellos da Infancia, organizado polo Foro de Participación da Infancia e a Adolescencia de Castela e León.

Unha reunión similiar, pero de ámbito autonómico, vai replicarse este sábado e domingo no Carballiño. Alí os consellos locais galegos celebrarán o seu terceiro encontro para debater e intercambiar experiencias. Ademais tamén terán como cometido articular e redactar o manifesto que se presentará no Parlamento de Galicia o 28 de novembro, centrado este ano na protección ante a violencia. 

A reunión na vila ourensá servirá tamén para distribuír as quendas de intervencións na Cámara galega, así como a orde en que os rapaces de cada consello local exporán os argumentos saídos do traballo desta fin de semana.

A representación do CLIA de Moeche integrada por Emily Méndez, Zeltia Pedreira, Antón Canosa e Ainoa Bustabad regresará do Carballiño na tarde do domingo e, menos de 24 horas despois, ás 12:30h do luns, terá outra das citas importantes da súa axenda de actividades. E é que a Casa do Concello acollerá un pleno extraordinario con participación dos grupos políticos, do propio consello e da rapazada, profesorado e ANPA do CEIP San Ramón.

A convocatoria cadra no Día Internacional da Infancia cunha orde do día na que as nenas e nenos presentarán o traballo realizado pola escola e polo Grupo de Participación Infantil e Adolescente arredor dos seus dereitos, plasmado ademais nun grande mural colaborativo.

V Xornada formativa Cidades Amigas da Infancia en Galicia

A última cita anual relacionada co CLIA e a participación infantil na toma de decisións da vida pública está programada para o día 13 de decembro na EGAP, en Santiago de Compostela, onde terá lugar a V Xornada Formativa Cidades Amigas da Infancia en Galicia baixo a epígrafe «Ferramentas para a implementación e mellora das políticas de infancia e adolescencia a nivel local».

Este espazo de aprendizaxe ten como obxectivo ofrecer recursos aos gobernos locais na xestión das políticas enfocadas ás nenas e nenos, así como afondar na implementación da Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia (LOPIVI) no ámbito local.

A xornada está organizada no marco do convenio de colaboración subscrito entre UNICEF-Galicia, a Consellería de Política Social e Xuventude e a FEGAMP. Diríxese a profesionais dos gobernos locais relacionados co ámbito da infancia, como poden ser responsables de Servizos Sociais, de Educación e de calquera outra área que estea en contacto coa rapazada, a adolescencia e as súas familias.

Lea también

Rueda subraya la inversión en infraestructuras del agua en Ares para impulsar el turismo de calidad

El presidente de la Xunta destaca la necesidad de servicios «a la altura» del entorno …