O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou o impulso dos fondos do Plan de Recuperación do Goberno á desestacionalización da oferta turística e ao fortalecemento da actividade comercial.
Fíxoo durante unha visita ao areal de Pantín, en Valdoviño, onde estivo acompañado polo alcalde da localidade, Alberto González, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.
O delegado lembrou que Pantín leva 35 anos acollendo un campionato de surf que hoxe é un referente mundial e que atrae cada ano a milleiros de persoas ata Valdoviño. “O Goberno non é alleo a esta realidade, e quere aproveitar esta onda para estender o turismo a todos os meses do ano e transformar a realidade económica da vila da man dos fondos do Plan de Recuperación”, sinalou Blanco.
Neste senso, indicou que o concello é un referente a nivel mundial non só por ter sempre entre os seus 17 areais un que posibilite a práctica do surf, senón tamén por facer accesible o surf ás persoas con discapacidade (Pantín vén de acoller o campionato europeo de seleccións paralímpicas) e igualitario, xa que o Pantín Classic é un dos poucos campionatos do circuíto oficial nos que os premios son iguais para homes e mulleres.
Pedro Blanco tivo ocasión de repasar co alcalde os investimentos do Goberno no Concello de Valdoviño, entre os que citou a mellora da eficiencia enerxética do edificio de usos múltiples na avenida da Gándara, que alberga o cuartel da Guardia Civil e que recibiu preto de 250.000 euros ou a inclusión de Valdoviño na Rede de Pobos dos Surf, unha iniciativa incluída nas ‘Experiencias Turismo España’ do Ministerio de Industria que conta cunha achega de 500.000 euros do Plan de Recuperación.
Tamén puido coñecer os proxectos do Concello, entre os que destacan a mellora do aparcamento de Pantín para facilitar a organización de eventos durante todo o ano, ou a creación dun centro de alto rendemento da man do Consello Superior de Deportes para a práctica do surf.
O delegado do Goberno puxo en valor o investimento histórico deste Goberno na transformación do turismo en Galicia. “Preto de 200 millóns de euros en catro anos nos que impulsamos a modernización de 43 destinos de Galicia, beneficiando a un de cada dous concellos galegos”, sinalou Blanco.
“Somos o Goberno que creou o Plans de Sustentabilidade Turística e somos o Goberno que os fai realidade. E nesa liña imos seguir, do lado dos concellos e garantindo que os cartos do Plan de Recuperación cheguen a todos e cada un dos concellos galegos”, afirmou.